A Deputación promociona a riqueza artesanal da provincia no Festival de Ortigueira, que reúne a 100.000 persoas
– O organismo provincial aproveitará a gran proxección deste evento cultural para mostrar nunha exposición instalada no consistorio do Concello coruñés 260 pezas cedidas ó CENTRAD por 47 artesáns lugueses
– Haberá traballos de cestería, olería de Bonxe e Gundivós, reproducións castrexas e romanas, pedra, madeira, metal, téxtil, instrumentos musicais, vidro, ourivaría, coiro e complementos
– Con esta mostra, a Deputación abre unha programación de exposicións itinerantes para potenciar e abrir novas oportunidades de comercialización ó sector artesanal lugués
Haberá traballos de cestería (palla, silva, sombreirería ou láminas de madeira), olairía de Bonxe e Gundivós (olas, botixos, canecos, xarras, tixolas), reproducións castrexas e romanas (vasillas, lucernas e mosaicos), pedra (reloxos de sol, peregrinos ou trisqueis), madeira e metal (zocas ou sellas), téxtil (lino ou encaixe); instrumentos musicais, vidro, ourivaría, coiro e complementos.
A Liorta Folk da Pastoriza
O Concello de A Pastoriza tamén estará presente no consistorio de Ortigueira promocionando o festival A Liorta Folk, que celebrou a súa primeira edición o pasado mes de maio. Este festival pon a disposición dos músicos afeccionados ó folk unha oportunidade de demostrar a súa capacidade e interpretar as súas propias pezas, servindo de punto de encontro para todos aqueles que entenden o folk como estilo de vida.
Mostras itinerantes
O proxecto expositivo que a Deputación de Lugo leva a Ortigueira supón, en definitiva, o arranque dunha nova etapa, que incluirá unha programación de exposicións itinerantes, tanto polos concellos de Lugo, como por aqueloutras localidades ou eventos que sirvan para promocionar e abrir novas oportunidades de comercialización ós artesáns lucenses. A exposición irá acompañada en cada caso de reunións de traballo e actividades paralelas encamiñadas ao fomento de accións de deseño e promoción comercial. A primeira saída terá lugar mañá venres, día 13, coa directiva da Asociación SALA, de ámbito rexional e con sede en Viveiro. A Deputación de Lugo pretende, grazas a esta oportunidade, non só facer visible e posicionar adecuadamente o traballo do CENTRAD, senón tamén promover a cooperación productiva empresarial, o emprego e o deseño como un dos piares básicos para o desenrolo da economía e da sociedade lucense.
Festival de Ortigueira
O Festival de Ortigueira é un referente mundial de folk con unha longa traxectoria e indiscutible repercusión mediática e social. No ano 1978 naceu este evento musical de mans da Escola de Gaitas de Ortigueira e, malia a súa boa acollida, interrompeuse durante un lustro. Xa no ano 2000, dentro desta multitudinaria cita anual, ábrese un novo horizonte musical cara a outro tipo de música que non ten porque ser estritamente celta. Paralelamente ó festival terá lugar unha feira de artesanía, un programa de radio, as exposicións A gaita e as orixes do Festival Celta e Antoloxía do Festival, así como a estrea do documental “DefoI XXI”.