Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que os institutos de Ribadeo están desde finais de mes sen equipos directivos

A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN, ADEMAIS DE RECORTAR NO ENSINO PÚBLICO, AMÓSASE TOTALMENTE INEFICAZ NA SÚA XESTIÓN

Os institutos de secundaria de Ribadeo están desde finais de mes sen equipos directivos

A CIG-Ensino denuncia publicamente a situación dos institutos de secundaria de Ribadeo, en proceso de unificación, e sen dirección desde finais do mes pasado. Está prevista desde hai varios anos a integración dos dous institutos de Ribadeo, o IES Porta da Auga e o IES Gamallo Fierros, nun único instituto, polo que se paralizaron as obras de ampliación do primeiro e se comezou a ampliación do segundo. Estas obras continúan a día de hoxe, e non hai garantía de que o novo instituto estea totalmente listo para comezar o curso.

As direccións dos dous institutos foron informadas verbalmente a finais deste curso de que a integración se faría para o próximo curso 2012-13, polo que se pedía a selección e embalaxe de todo o material que debería ser transportado e recolocado. Os equipos docentes tamén mantiveron contactos extraoficiais para ir preparando as cuestións máis urxentes: libros de textos, grupos resultantes coa unificación… E agora, en pleno proceso de matrícula, os dous centros educativos están sen dirección (o seu nomeamento rematou o 30 de xuño) e a orde de unificación aínda non foi publicada, polo que non hai nada oficial aínda.

Desde a CIG-Ensino queremos deixar claro que o que está a pasar en Ribadeo e noutros centros da comarca non é só un problema de diñeiro e recortes, que tamén; é claramente un problema de ineficacia. A esta alturas o profesorado necesita ter unha idea de cal vai ser a súa situación o próximo curso, de que materias vai ter que impartir…, e hai trámites que deben facerse estes días que precisan de cargos de responsabilidade nos institutos. Por iso demandamos da Consellaría de Educación máis seriedade e eficacia no exercicio das súas responsabilidades.

Exit mobile version