Site icon Crónica3.com A Mariña

65 nenos de entre 3 e 12 anos participarán no programa Enredos de verán en Cervo

Un total de 65 nenos de entre 3 e 12 anos participarán no programa Enredos de verán

-O alcalde e outros membros do goberno mantiveron hoxe unha reunión cos pais e nais dos participantes para informalos de todos os detalles das actividades

Cervo, 5 de xullo de 2012-O programa de actividades estivais Enredos de verán contará coa participación de 65 nenos e nenas do municipio cervense, que pasarán os meses de xullo e agosto realizando numerosos obradoiros que terán lugar na Casa do Mar de San Ciprián e no pavillón da Veiga.

O prazo de inscrición rematou a semana pasada e, dende entón, o Concello analizou as solicitudes co obxectivo de planificar as actividades e establecer grupos reducidos que permitan unha mellor organización e ao mesmo tempo, adecuar os obradoiros ás distintas idades. Deste xeito, fixáronse dous grupos, uns que participarán luns, mércores e venres, e outros que acudirán martes, xoves e venres. Ao mesmo tempo, dentro de cada grupo establecéronse dúas quendas, unha de 11:00 a 12:30 horas para os máis pequenos e outra de 12:30 a 14:00 para os maiores.

Está previsto que as actividades comecen a vindeira semana, por iso o Concello organizou unha reunión informativa cos pais e nais dos participantes que tivo lugar esta tarde e á que acudiu o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e outros membros do goberno local así como as persoas que impartirán os obradoiros.

Enredos de verán ofrece actividades moi completas e que combinan a didáctica coa diversión e o deporte. Así, inclúense obradoiros de reciclaxe, cociña, elaboración de instrumentos musicais, decoración de camisetas, actividades relacionadas coa Festa da Maruxaina e da Queimada ou co medio ambiente, fútbol, voleibol, tenis, atletismo, hockey, balonmán e ximnasia entre outras moitas que conforman a oferta completa. “Enredos de verán consolidouse como un programa atractivo para os máis pequenos da casa que pretende mantelos activos e entretidos durante as vacacións estivais” explicou o rexedor cervense “sen deixar de lado a vertente de aprendizaxe, a concienciación medioambiental ou o exercicio físico, dando como resultado un programa moi completo e cuns niveis de participación destacables” remata Villares.

Exit mobile version