Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo participan nunha xornada de limpeza simultanea de praias no día dos Océanos

8 de xuño, venres: Limpando praias no día dos Océanos

Numerosas entidades de toda Galiza únense para unha Limpeza Simultánea de Praias para concienciar á sociedade ante o problema da contaminación mariña

O lixo mariño é unha das grandes ameazas nos océanos de todo o mundo. Miles de toneladas de plástico rematan cada día nos mares, afectando á flora e fauna mariña. Galiza conta con 1500 km de costa que anualmente reciben toneladas de residuos. Alén do impacto visual do lixo nas praias, este supón un grave perigo para a flora e a fauna mariñas; nomeadamente para algunhas especies ameazadas como cetáceos, tartarugas ou aves, xa que inxiren plásticos confundíndoos con alimento. Tamén poden acabar enredados en bolsas, sacos ou redes que lles provocan graves lesións, dificultades para moverse e, finalmente a morte.

Outro dos problemas é que o plástico acaba desfacéndose en pequenos anacos que son inxeridos por peixes que poden rematar nos nosos pratos. Isto fai que os compoñentes tóxicos e perigosos dos plásticos pasen aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde.

A mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar. As accións polo medio ambiente teñen máis efecto cando se realizan día a día, e cando conseguen cambiar conciencias.

Pero tamén podemos pasar á acción directa, e mobilizarnos para crear unha masa crítica e facérmonos escoitar. Isto é o que pretendemos no día mundial dos océanos, unha data sinalada na que máis de 20 entidades se mobilizarán en todo o país para limpar as nosas praias.

Baixo o lema Únete e limpa a túa praia! ADEGA ven de convocar a entidades das tres provincias costeiras que farán unha limpeza simultánea este venres 8 de xuño. Centros de ensino público, institutos, universidades, escolas de surf, centros de mergullo, asociacións culturais, colectivos ecoloxistas en máis de 20 concellos dende Nigrán a Ribadeo mobilizarán a grandes e pequenos/as pola defensa dos océanos.

A limpeza de praias debe facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. As limpezas con maquinaria pesada nas praias, limpezas nada selectivas que retiran todo canto atopan, ameazan a supervivencia de moitos organismos. É preciso pois, entender que as praias son ecosistemas vivos, e que o argazo non é lixo, senón alimento para moitas especies que viven nas praias e das que outros se alimentan.

ADEGA edita para esta actividade un protocolo de actuación para unha limpeza de praias “ecolóxica”, que se repartirá entre os participantes da actividade.

Mapa das ubicacións: http://adega.info/info/090121joomla/novas-de-ea/769-limpeza-simultanea-de-praias-no-dia-mundial-dos-oceanos-2012

Exit mobile version