Unha decena de mozos de Cervo recibiron información sobre o asociacionismo
-Persoas menores de 30 anos afondaron nas xestións e procedementos necesarios para crear unha entidade social
Cervo, 25 de xuño de 2012-Un total de 11 persoas menores de 30 anos participaron no curso de Mediación xuvenil na participación, consistente nunha xornada formativa de 2 horas de duración na que a mocidade recibiu información sobre o movemento asociativo e que tivo lugar esta fin de semana na Casa da Cultura de San Ciprián.
En concreto, un técnico do equipo de dinamizadores da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta encargouse de impartir esta xornada na que achegou aos participantes información sobre a creación dunha asociación, os impresos necesarios, a forma de cubrilos, o procedemento a seguir e a utilización da páxina web de Xuventude na que poden consultar toda a información relativa a este proceso.
A xornada inclúese no Plan de Formación 2012 da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no que están programados un total de 127 cursos de áreas moi variadas. No caso desta xornada impartida en Cervo, inclúese no programa Activa. Unha actividade “coa que se pretendía fomentar o asociacionismo entre a mocidade como canle para que se expresen, que as súas voces teñan máis forza, traballen xuntos cuns mesmos obxectivos e compartan experiencias” asegura o alcalde, Alfonso Villares.