PRESENTARONSE AS ACCIÓNS FORMATIVAS DE BUXIGANGA NA MARIÑA
Manuel Lourenzo, Comba Campoy e Carlos Blanco serán os encargados de impartir os cursos de interpretación en Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, respectivamente
Antonio Veiga, que participou na presentación, sinalou que esta iniciativa “ten como obxectivo ofrecer os mellores profesionais do teatro do noso país aos nosos actores da comarca”
Mondoñedo, 4 de xuño de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou na tarde de onte en Mondoñedo, as accións formativas que se van a desenvolver na Mariña dentro do programa teatral Buxiganga, que este ano traerán á comarca tres cursos relacionados coa interpretación, “que teñen como obxectivo ofrecer os mellores profesionais do teatro do noso país aos nosos actores da comarca” sinalou Veiga. Após á presentación, o grupo de teatro afeccionado O Bordelo, de Cervo, escenificou unha pequena peza teatral.
Neste sentido, a Casa da Xuventude de Mondoñedo acollerá o curso de interpretación, impartido por Manuel Lourenzo, os sábados 7, 14, 21 e 28 de xullo, de 9.00 a 14.00 horas; o Cine Teatro de Ribadeo acollerá o curso “Ponte en escena”, impartido por Comba Campoy, os días 2,7, 9, 14, 21, 23, 28 e 30 de agosto, de 20:30 a 23:00 horas; e o Teatro Nicomedes Pastor Díaz de Viveiro acollerá os monólogos de Carlos Blanco os días 29 e 30 de setembro, de 9.00 a 14.00 horas en horario de mañá, e de 16.30 a 21.00 horas en horario de tarde. Cada curso ten unha duración de 20 horas, cun custe de 10 euros para os actores participantes dos circuítos Buxiganga e de 20 euros para o resto dos actores.
Segundo salientou Antonio Veiga, “adaptándonos aos novos tempos podemos afirmar sen dúbida ningunha que dende a Área de Cultura e Turismo e a súa Vicepresidencia se está a apoiar firmemente o teatro da provincia, que non é máis que continuar co apoio á xente de a pé e ás persoas que pulan pola nosa cultura. Recordemos a frase de Arthur Miller que di “O teatro non pode desaparecer porque é a única arte onde a humanidade se enfronta así mesma”. A Mariña precisa do teatro xa que é unha necesidade directa do pobo, e con Buxiganga, A Mariña ten moito teatro.