Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP rexeita unha proposta do BNG para pór en marcha, antes de finais deste ano, o plan director para ampliar o Hospital da Costa

O PP REXEITA UNHA PROPOSTA DO BNG PARA PÓR EN MARCHA, ANTES DE FINAIS DESTE ANO, O PLAN DIRECTOR PARA AMPLIAR O HOSPITAL DA COSTA

Manuel Parga advirte que se non se blinda este hospital e a súa calidade asistencial a Mariña vai ter problemas moi graves

Santiago de Compostela, 20 Xuño 2012.- O Partido Popular impediu hoxe no Parlamento sacar adiante unha iniciativa que tiña por obxecto adoptar medidas antes de que finalice este ano para pór en marcha as obras do Plan director de infraestructuras para a ampliación do Hospital da Costa.

O deputada do BNG Manuel Parga lamentou a postura do grupo popular, xa que se trata dunha infraestructura vital para a comarca da Mariña, “polo que todos deberiamos estar dacordo en potenciala e en evitar a perda de calidade asistencial”.

Parga defendeu unha emenda de substitución á proposta do PSdeG, coa que coincidía no fondo pero a contextualizaba no tempo e que foi aceptada polos socialistas nos seus dous primeiros puntos, o primeiro, relativo ao Plan director e ampliación do hospital e o segundo relativo á necesidade de elaborar un plan específico para ampliar a carteira de servizos e os recursos materiais e persoais.

Tratabase, explicou o deputado, de manter a autonomía de xestión da área sanitaria da Mariña e reforzar a súa capacidade asistencial, “unha demanda moi sentida entre a poboación ante a que non podemos facer ouvidos xordos”.

O parlamentar nacionalista lamentou que 25 anos despois das mobilizacións para dotar á mariña deste hospital haxa que volver a saír a rúa para preservar o seu futuro e a calidade dunha infraestructura que axudou moito a vertebrar a comarca.

Parga alertou de que os novos recortes en sanidade non agoiran nada novo e se non se traballa por blindar o hospital a Mariña vai ter problemas moi graves, asegurou.

O deputado do BNG denunciou o deterioro que se está producindo xa no hospital, con máis de 1.000 persoas agardando por unha intervención cirúxica, cunha espera media superior á galega, con pacientes derivados a outros centros, etc.

Asemade, fíxose eco doutras eivas como a suspensión de tratamentos como o de dor, de probas diagnósticas como as citoloxías, o peche de camas e quirófanos previsto para o verán ou as consultas en barracóns.

Neste sentido, Parga chamou a atención sobre o cinismo do PP, que hai tres anos acusaba á Xunta de “deixación” pola existencia deses barracóns para un servizo de proteción de riscos laborais e agora que si se utilizan para consultas médicas dá a calada por resposta ou segue tentando botar balóns fóra.

Exit mobile version