José Manuel Balseiro Orol, Marisol Piñeiro Martínez, Encarna González Montemuiño, Rosa Oubiña Solla, Gema Freire Insua, Marta Valcárcel Gómez e Fátima Iglesias Pereira deputado e deputadas do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara presentan, ante esa mesa, a seguinte pregunta para a súa resposta Oral en Comisión
O 1 de decembro de 2011 a Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, do Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade, e a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular, un acordo polo que se instaba á Xunta a dotar de respaldo orzamentario suficiente ao proxecto de dragado integral das dársenas portuarias e canles de acceso sitas na localidade de Foz (Lugo) ao obxecto de garantir que as distintas embarcacións poidan efectuar con normalidade as manobras de atraque, entrada e saída sen risco de varada.
Semanas despois o Presidente do ente público autonómico, Portos de Galicia, Jose Juan Durán, visitaba esta vila lucense e confirmaba a disposición do departamento que dirixe de acometer esta actuación para a que reservaba un investimento de 250.000 euros.
Non era esta única actuación que ten previsto desenvolver Portos en relación co peirao focense, xa que está a elaborar un estudo para ver se é posible a colocación de tablestacas -elementos de separación de terras- na ría, de tal xeito que as areas quedarían separadas a ambos os dous lados, permitindo sempre o paso de barcos e evitando o novo depósito de sedimentos areosos. «A idea é a de poder acoutar uns 30.000 metros cadrados.
En relación con este asunto, o Grupo Parlamentario Popular formula as seguintes preguntas:
1.-) ¿En que situación se atopan os proxectos anunciados polo Presidente de Portos de Galicia na súa visita do pasado mes de decembro á localidade de Foz?
2.-) ¿Que previsións manexa o ente público autonómico ao respecto do desenvolvemento do dragado integral das dársenas portuarias e canles de acceso?