O IV ENCONTRO NO EIDO DOURADO CONTARÁ COA PRESENZA O VINDEIRO 30 DE XUÑO DE CARLOS REIGOSA E MANUEL LOURENZO. NO ACTO INAUGURARÁSE UNHA ESCULTURA DE FERNANDO VILLAPOL E SOARÁ A MÚSICA DE MINI E MERO, ENTRE OUTROS.
Barreiros, 22 de xuño de 2012. O IV Encontro no Eido Dourado contará coa presenza o vindeiro 30 de xuño de Carlos Reigosa e Manuel Lourenzo. No acto inauguraráse unha escultura de Fernando Villapol e soará a música de Mini e Mero, Tino Baz e Najla Shami.
Literatura, escultura e música protagonizarán o inicio da cuarta tempada do Eido Dourado. O seu artífice Celso Dourado asegura que “as instalacións acollerán este ano unha renovada exposición ademáis de recuperar un cuadro meu do ano 1983. Tamén inauguraremos unha escultura de Fernando Villapol, feita ex profeso para o Eido Dourado. Na parte literaria, ademáis da xove poeta Laura Branco, estarán presentes e serán protagonistas o coñecido escritor Carlos Reigosa e o premio nacional de teatro Manuel Lourenzo. As intervencións dos tres estarán intercaladas por versos cantados e musicados por Mini e Mero. E todo isto será conducido unha vez máis pola actriz e xornalista Comba Campoy”.
No IV Encontro no Eido Dourado tamén estarán o vindeiro 30 de xuño Tino Baz, o gran herdeiro dos cantautores de Galicia e Najla Shami, mesosoprano de orixe palestino, que está a ser unha revelación nesta terra.
O acto desenvolveráse, coma sempre, nos xardíns do Eido Dourado, “sempre xogamos co factor tempo, nunca quixemos desvirtuar os xardíns do Eido Dourado e por iso sempre facemos este acto ao aire libre. Nos xardíns sería moi difícil colocar unha carpa e de aí que o acto se vaia desenvolver unha vez máis ao aire libre, intercalando todo entre as prantas. É un acto aberto, todos aqueles que queiran gozar da parte poética, teatral e musical que saiban que están convidados. E ao final serviremos un viño galego e uns petiscos. É un acto aberto e gratuito”.