O gañador de 3 Goyas Ángel de la Cruz
apadriña a oitava promoción da EIS
– Besteiro clausurou o curso 2011-2012 anunciando que a martrícula volverá ser gratuíta agás para repetidores “porque queremos poñer en valor a cultura do esforzo”
– Do 22 de xuño ó 5 de xullo estará aberto o prazo de preinscrición para o próximo curso e o día 6 colgarase a lista de admitidos no taboleiro da EIS e en www.fundaciontic.org
– O Presidente da Fundación TIC avanzou ós titulados da Escola que proximamente poderán optar a 20 bolsas de emprego para facer prácticas en empresas audiovisuais de Europa
O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, clausurou este xoves o curso académico 2011-2012 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas da familia audiovisual. No acto estivo acompañado polo director, guionista e produtor coruñés Ángel de la Cruz, o padriño da oitava promoción dos ciclos superiores de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, e de Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos, que ofrece a Escola, dotados con 2.000 horas lectivas e dous cursos cada un.
Gómez Besteiro dixo que “é unha honra que os novos titulados da nosa Escola teñan como padriño a un cineasta galego con grande recoñecemento nacional e internacional. É un claro exemplo para os nosos alumnos de que en Galicia hai talento, canteira e moitas posibilidades profesionais no mundo audiovisual”. O máximo responsable da Fundación lembrou que “Ángel de la Cruz forma parte dunha xeración que fai da nosa comunidade un referente da animación en España, tal e como o demostran os 3 Goyas que recibiu ata o de agora, o último deles como guionista da longametraxe Arrugas”.
Matrícula gratuíta con excepcións
O máximo responsable da TIC destacou que a Deputación aposta por unha educación pública e de calidade. Deste xeito, avanzou que para o vindeiro curso a institución luguesa manterá a gratuidade da matrícula por quinto curso consecutivo para todos os alumnos, agás para os repetidores. “Introducimos esta novidade porque queremos poñer en valor a cultura do esforzo. Damos a oportunidade de estudar, pero tamén queremos que valoren esa oportunidade porque neste momento de crise supón un gran esforzo económico para a Deputación”, indicou.
O titular provincial anunciou que o 22 de xuño se abrirá o prazo de preinscrición para o curso 2012-2013. Poderán presentarse aquelas persoas que teñan outro ciclo superior, o bacharelato ou a proba de acceso a ciclos superiores. Os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na web da Fundación (www.fundaciontic.org) ou na propia Escola. A documentación poderá presentarse ata o 5 de xullo na sede da EIS, na rúa Frei Plácido Rey Lemos s/n. A lista de admitidos publicarase o 6 de xuño no taboleiro da EIS e na mencionada páxina web. O prazo de matrícula estará aberto do 10 ó 18 de xullo.
Desde o inicio das actividades da EIS, en 2003, preto de 300 alumnos cursaron na Escola os seus estudos de Produción e Realización. Pero non foi ata o ano 2009 cando, por primeira vez, se cubriron todas as praza. Debido á elevada demanda, houbo unha ampla lista de espera, que se repite ano tras ano.
20 bolsas de emprego en Europa
O Presidente tamén aproveitou o acto de clausura para pedirlles ós novos titulados estean atentos, “porque proximamente poderedes optar a 20 bolsas do programa europeo Leonardo da Vinci, que permitirá completar a vosa formación con prácticas en empresas do audiovisual de Portugal, Italia e Reino Unido”. A Deputación conseguiu varias bolsas do plan Leonardo da Vinci, financiado pola Comisión Europea a través do Programa de Aprendizaxe Permanente, que ten por obxectivo aumentar a cualificación profesional mellorando a formación.
Padriño de honra
Ángel de la Cruz, membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España e da Academia Galega do Audiovisual, compaxina o seu labor de produtor, guionista e director desde que comezou a súa traxectoria profesional no mundo do audiovisual no ano 1993 como axudante de decoración da película “Tirano Banderas”, de José Luis García Sánchez. Tras gañar varios concursos de guión, dirixiu a triloxía de curtametraxes “Sitcom show”, “Paranoia digital” e “Más difícil todavía”.
A súa primeira produción comercial como guionista e director foi coa longametraxe de animación “O bosque animado” (2001), galardoada con dous premios Goya -á mellor película de animación e á mellor canción orixinal-, preseleccionada para o Oscar de 2002 á mellor longametraxe de animación e gañadora de máis de 20 premios internacionais.
En 2005 dirixiu e escribiu outra película de animación, “O sono dunha noite de San Xoán”, inspirada en “O Sono dunha noite de verán” de Shakespeare, gañadora do Goya á mellor película de animación 2006 e dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego. Como guionista, director e produtor realizou a película “O mortos van á presa”, coa que colaborou a Fundación TIC e galardoada con 9 Premios Mestre Mateo e o premio ó mellor director no Festival Internacional de Cine de Porto 2009. En 2012 fíxose, xunto a Ignacio Ferreras, Paco Roca e Rosana Cecchini, co Goya ó mellor guión adaptado polo seu traballo en “Arrugas”, unha película de animación recoñecida a nivel internacional con numerosos premios.