O Concello fixo entrega dos premios do certame fotográfico “Cervo respecta” no Día Mundial do Medio Ambiente
-A maior parte das imaxes gañadoras foron tomas en concellos da Mariña agás unha instantánea das Illas Cíes
-Entre as gañadoras hai paisaxes e panorámicas así como fotografías de escenas irrepetibles protagonizadas por animais
Cervo, 5 de xuño de 2012-Os gañadores do concurso de fotografía de Medio Ambiente “Cervo respecta” recolleron os seus respectivos premios no acto oficial de entrega celebrado esta tarde no Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía de Cervo, lugar onde se atopan expostas todas as imaxes participantes.
Na categoría de adultos a instantánea gañadora foi “Fraga das Saímas”, tomada por Juan Antonio Fernández na área natural do mesmo nome situada en Viveiro, na que se pode ver unha fervenza rodeada de natureza verde. O vencedor revalida o título, xa que tamén fora o gañador na primeira edición. Juan Antonio recibiu unha peza de Cerámica de Sargadelos e un vale de 100 euros para gastar en establecementos comerciais do municipio cervense.
O segundo premio foi para Pablo Fernández e a súa obra “Visón ladrón”, tomada en Xove, na que a acción dun visón arrastrando un muxe entre unhas penas capta toda a atención do fotógrafo e do espectador. Neste caso o vencedor recibiu unha peza de Cerámica de Sargadelos.
En canto á categoría xuvenil, a instantánea “Tempo de lecer” de Javiera Duarte, proclamouse a gañadora do primeiro premio. Na obra pódese ver unha abella polinizando unha flor nun prado de Xove. O premio para ela foi un cheque de con valor de 100 euros en material deportivo. Unha panorámica das Illas Cíes tomada por Miguel Baltar foi a merecedora do segundo premio, consistente nun lote de material escolar.
As catro persoas premiadas recibiron os galardóns da man do alcalde, Alfonso Villares e da edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso. “Nestes casos adóitase dicir que todos os concursantes merecían gañar” asegura o rexedor, “pero nesta ocasión é totalmente certo, tal e como o demostra o propio escenario onde nos atopamos entregando os premios, a exposición coas fotografías participantes, todas elas cun alto nivel técnico, creativo e en moitos casos de oportunidade, ao captar instantes efémeros e escenas irrepetibles”. Pola súa banda a edil de Medio ambiente destacou a importancia de estar entregando estes premios nun día coma hoxe, “el Día Mundial del Medio Ambiente, una fecha simbólica en la que debemos reflexionar sobre el cuidado y el respeto por nuestro entorno natural, que nos permite disfrutar de instantáneas como estas”. Alonso engadiu que con este certame “además de fomentar la responsabilidad también pretendemos mostrar la inmensa riqueza paisajística y natural de Galicia captada a través de diferentes miradas y perspectivas, las que aporta cada uno de los autores con sus fotografías”.
O xurado estivo formado por 4 fotógrafos profesionais, tres deles reporteiros gráficos de varios medios de comunicación da comarca e o cuarto representante dun estudo fotográfico. Todos eles tiveron un difícil traballo para escoller as 4 mellores instantáneas entre as 37 participantes. Aínda así, é destacable a unanimidade e a coincidencia á hora de elixir as mellores. De feito, como dato ilustrativo, pódese dicir que entre as cinco primeiras fotografías clasificadas a máxima diferenza foi de 4 puntos. Sinalar ademais que tras o reconto das puntuacións totais outorgadas polo xurado na categoría de adultos houbo un empate entre as dúas primeiras, polo que foi necesario facer unha segunda votación para decidir a foto gañadora.