O Concello volverá axudar ás familias na adquisición de libros e material escolar en educación infantil
-A contía destinada a estas subvencións no orzamento é de 4.000 euros
-O prazo de presentación das solicitudes manterase aberto durante todo o mes de xullo
Cervo, 26 de xuño de 2012-O Concello de Cervo xa ten preparadas as bases da convocatoria de axudas ás familias para a adquisición de libros e material escolar para nenos e nenas de segundo ciclo de educación infantil, de 3 a 5 anos, escolarizados nalgún centro educativo público do municipio cervense. Deste xeito, o prazo para presentar as solicitudes e a documentación necesaria manterase aberto durante todo o mes de xullo.
O goberno local destinará 4.000 euros a esta subvención municipal da que se poderán beneficiar as familias que cumpran os requisitos económicos establecidos nas bases, non superando uns ingresos determinados e que ademais estean empadroadas no municipio. A contía da axuda variará segundo os ingresos da unidade familiar e poderá chegar aos 130 euros por alumno como máximo.
Dende o goberno local aseguran que “todos os esforzos son poucos para seguir mantendo subvencións coma esta, que vimos ofrecendo nos últimos anos co obxectivo de aliviar ás familias nos gastos que implica a chegada dun novo curso escolar” asegura a edil de Educación, Yolanda Pedreira. “Estas axudas son imprescindibles para favorecer a igualdade de todos os nenos e nenas na súa educación e formación”, engade a edil, “un dos piares básicos da nosa acción de goberno”.