Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe medidas para reducir as listas de espera cirúrxica no Hospital da Costa

PARGA URXE MEDIDAS PARA REDUCIR AS LISTAS DE ESPERA CIRÚRXICA NO HOSPITAL DA COSTA

O deputado do BNG pide que non se pechen camas e quirófanos nos meses de verán porque agravará aínda máis os dados das esperas

Santiago de Compostela, 5 Xuño 2012.- O deputado do G.P do BNG Manuel Parga quer saber que medidas a curto prazo ten previsto adoptar o goberno da Xunta para reducir as listas de espera cirúrxica no Hospital da Costa, toda vez que están a acadar cifras alarmantes, con 1057 persoas agardando unha intervención e unha espera media que pasou de 66 días en Marzo de 2009 a 76,2 en Marzo de 2012.

Estas cifras, explica Parga, sitúan ao Hospital da Costa cun tempo de espera media superior á media galega, sendo os servizos que rexistran maior espera os de traumatoloxía (477 persoas) e oftalmoloxía (275).

O deputado nacionalista alerta de que a previsión coñecida a través dos medios estes días, de que se van pechar camas e quirófanos nos vindeiros meses de Xullo e Agosto, vai disparar aínda máis as listas de espera e evidenciar o recorte de recursos humanos e materiais que está a padecer o hospital, carencias que hai que sumar ás de espazo, infraestructuras e equipamentos.

Para Parga, a publicación dos últimos dados de espera estrutural na sanidade galega, aínda que maqueados, poñen de manifesto a incapacidade do goberno galego para dar unha resposta eficaz á demanda sanitaria.

“Este indicador –continúa- máis os continuos recortes que se están aplicando teñen unha incidencia directa na calidade da asistencia que reciben os habitantes da Mariña”.

O parlamentar considera que urxe, por tanto, unha rectificación por parte da Xunta, para mellorar a asistencia na comarca e garantir o acceso á mesma en condicións de igualdade.

Con este obxectivo rexistrou unha serie de iniciativas parlamentares para saber cantas camas e quirófanos ten previsto pechar o SERGAS no Hospital da Costa este verán, cantas derivacións de cirurxía, de urxencias urolóxicas e hemodiálise se realizaron a outros centros dende Xaneiro de 2011 á actualidade e por que motivos.

Exit mobile version