Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cifra 244 prazas de escola infantil, 3 centros de maiores e 784 usuarios de axuda a domicilio fican sen axuda autonómica

VEIGA afirma que 244 prazas de escola infantil, 3 centros de maiores e 784 usuarios de axuda a domicilio fican sen axuda autonómica

Foz, 4 de xuño de 2012. O Candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, compareceu na xornada de hoxe acompañado de cargos orgánicos e institucionais da Comarca entre os que se atopaban Antonio Veiga, Responsábel Comarcal e Vicepresidente da Deputación, Manuel Parga, Parlamentario Autonómico, e os Alcaldes nacionalistas de Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto para denunciar o brutal recorte que a Xunta ven de aplicar no sistema de benestar e que vai ter particular incidencia nos Concellos de menos de 20.000 habitantes.
Segundo indicou Antonio Veiga, “os recortes da Xunta poñen en risco na Mariña 244 prazas de escola infantil, que se corresponden con aqueles centros de titularidade municipal e que viñan recibindo axuda da Xunta e que se sitúan nos Concellos de Vicedo, Xove, Cervo, Viveiro, Barreiros e Mondoñedo. Asemade , na Mariña hai 784 persoas que se benefician do servizo de axuda do fogar básico cuxo custe ascende a 1.038.000 Euros, polo que a Xunta de Galiza deixa abandonados a un numero importante de persoas, poñendo en risco tamén o emprego do preto de 100 persoas que traballan neste servizo. Na mesma liña , ficarían sen axuda autonómica, a residencia de Ribadeo e as vivendas tuteladas da Pontenova e Riotorto así como as unidades de traballo social da totalidade dos Concellos que significaría perda de 90 empregos. En definitiva de non ser quen de parar esta decisión do PP, temos que falar da morte do sistema de benestar nos Concellos da Comarca” .
Francisco Jorquera, candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, afirmou que “as axudas da Xunta aos servizos sociais comunitarios xa foron recortadas os anos 2010 e 2011, especialmente no que se refire ao Servizo de Axuda no Fogar. O Plan de 2011 dispoñía de preto de 24 millóns de euros para as prestacións sociais básicas, servizos sociais comunitarios e plan de desenvolvemento xitano, e o goberno do PP os recortou en 2,4 millóns de euros. Para este ano 2012, o plan concertado quedou na metade, en 12,4 millóns de euros. As partidas do programa de servizos sociais comunitarios foron eliminadas e o plan de desenvolvemento xitano ten unha partida simbólica de pouco máis de 100.000 euros. O decreto publicado vén a corroborar que o goberno do PP na Xunta de Galiza se desentende por completo dos servizos sociais comunitarios nos concellos de menos de 20.000 habitantes, en especial do Servizo de Axuda no Fogar Básico, o que obrigará no mellor dos casos aos concellos a financiar estes servizos e aos usuarios e usuarias a pagar máis nas súas aportacións como copago, ou no peor dos casos a que os servizos desaparezan e só se manteñan para as persoas dependentes coa prestación asignada no seu Plan Individual de Atención”.
O candidato do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza lembrou tamén que o Goberno Galego obriga aos Concellos de menos de 20.000 habitantes en financiar nun 20% o Saf Básico nun momento en que as arcas municipais enfrontan graves problemas, “pero o que é máis grave tentase eliminar un servizo ao que teñen que recorrer as persoas con problemas de desestruturación familiar, casos de enfermidade aguda tras alta hospitalaria, persoas en situación de dependencia aínda non valoradas, persoas en situación de dependencia valorada e con dereito pero que non teñen o acceso ao Servizo de Axuda no Fogar ou outra prestación asignada, cuxa lista de espera hoxe en Galiza supera as 27.000 persoas. En definitiva convertese o Saf para dependentes e básico nun artigo de luxo do que se viran privados milleiros de galegos xa que se fixa unha nova regulación da participación económica das persoas usuarias no custe do Servizo de Axuda no Fogar que incrementa de xeito substancial en case todos os tramos de renda o copago a realizar. Incrementos grandes para as persoas que teñen recoñecidas as prestacións por dependencia e aínda moito maiores para as que sen ter recoñecida as prestación están en grave situación de risco ou vulnerabilidade”.

Exit mobile version