Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao PP de deixar desprotexida á frota boniteira ao negarlle asistencia por unha cuestión mercantilista

O BNG ACUSA AO PP DE DEIXAR DESPROTEXIDA Á FROTA DO BONITO AO NEGARLLE ASISTENCIA TÉCNICA POR UNHA CUESTIÓN “MERCANTILISTA”

Bieito Lobeira advirte que é a primeira vez na historia que esta frota fica desamparada e lembra que Galiza posúe tres buques con capacidade para realizar este traballo de apoio

Santiago de Compostela, 22 Xuño 2012.- O Partido Popular negou hoxe a asistencia naval de apoio á frota pesqueira galega na campaña do bonito, unha decisión “escandalosa” e “gravísima”, segundo o deputado do BNG Bieito Lobeira, que ademais é inédita na historia deste tipo de frota.

Durante a comisión de Pesca no Parlamento, o grupo popular votou en contra dunha proposición non de lei nacionalista que tiña por obxecto, precisamente, instar á Xunta a enviar un dos tres buques dos que dispón Galiza para estas funcións de apoio loxístico, técnico e sanitario nas costeras do bonito.

Lobeira lembrou que historicamente, a través dun convenio co antigo ministerio de Agricultura e Pesca, a Armada española dispuña de catro buques con capacidade operativa para se manteren varios meses en alta mar e con medios para para prestar apoio aos buques pesqueiros, un deles, o Chilreu, con porto base en Ferrol.

Estes catro buques, engadiu o deputado, viñan participando sistematicamente en catro campañas de longo alcance: NAFO, NEAFC, Atún Vermello (Mediterráneo) e campaña do bonito, e aos mesmos se lle sumaba un dos buques de altura do goberno galego.

O financiamento como coartada

Para o deputado nacionalista, recientes decisións como a adoptada polo goberno do Estado, pola que causa baixa a partir do 29 de Xuño o patrulleiro Chilreu, e a do goberno da Xunta, que condiciona o envío do buque de apoio galego a que o resto das comunidades do cantábrico contribúan economicamente ao seu financiamento, “deixan totalmente desamparada á frota bonitera”.

Lobeira advertiu que non se pode prescindir deste tipo de servizo por unha cuestión puramente mercantilista, malia que recoñeceu que tampouco lle sorprende moito a actitude do PP logo da reciente decisión da Xunta de chegar a cobrar polas tarefas de salvamento marítimo, “facer negocio por salvar vidas humanas”.

Para o parlamentar nacionalista, será a primeira vez na Historia que a frota do bonito fique desprotexida, algo que non acontecerá coa do atún vermello, malia ser moito menos perigosa, e será responsabilidade dun Partido Popular, dixo, que está utilizando o financiamento como coartada para evitar o envío de medios públicos á costeira do bonito.

Se vostedes defenden Galiza, eu son a duquesa de Alba

A iniciativa do BNG foi rexeitada polos votos en contra do PP, que defendeu unha proposición non de lei sobre o mesmo tema, de feito foron debatidas de forma conxunta, mais foi imposíbel chegar a acordos, pois, segundo Lobeira, “se isto é unha iniciativa de defensa de Galiza eu son a duquesa de Alba”, ironizou sobre a proposta do PP.

Limpeza fondos mariños

Por outra parte, no transcurso da mesma comisión, Lobeira preguntou polas previsións da Xunta para colaborar nas accións de limpeza de fundos mariños, que até o momento están a realizar voluntariamente distintas asociacións e colectivos, nomeadamente a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galiza.

O deputado nacionalista salientou que é un traballo moi necesario e puxo como exemplo unha xornada de recollida nos arredores de Corcubión durante a que limparon 16 toneladas de refugallos.

O parlamentar advertiu que é a administración quen debera ser o motor deste tipo de actuacións e ofrecer apoio a quen o está a facer de forma desinteresada, “e, sen embargo, nos atopamos con que a Xunta non só non os está a apoiar senón que ademais Portos de Galiza lles está a cobrar unhas taxas”.

“Precisamos un compromiso explícito do respaldo da Consellería a estes traballos de limpeza, non máis propaganda nin anuncios de seminarios de expertos”, concluiu o deputado, ante a resposta do subdirector xeral de Mar.

Exit mobile version