O salmantino Julio Delgado seguirá á fronte do CD Burela FS Pescados Rubén en 2012-13. O técnico asinou a súa renovación para a próxima tempada na compaña do presidente, José Ramón González Casas, e do vicepresidente, Manuel Blanco Fanego.
Julio Delgado declarouse “absolutamente feliz” por unha renovación “doada posto que as dúas partes estabamos totalmente predispostas”. “Aínda que dende o club xa comezamos a bosquexar a planificación da tempada, ata a vindeira semana non profundaremos de cheo” explicou o estratega, que tan só quixo ofrecer como adianto a súa confianza na canteira: “Seguiremos traballando para encamiñar un proxecto de futuro e darlles oportunidade aos rapaces que se están formando nas categorías de base” dixo o salmantino.
O presidente e vicepresidente laranxas coincidiron en cualificar a continuidade do Julio Delgado como “un paso lóxico, despois de pechar o exercicio ofrecendo unha imaxe de seriedade e un play off espléndido“. “Ambas as dúas partes estamos satisfeitas co esforzo do equipo e por iso queremos manter esta filosofía de traballo para seguir evolucionando e dándolle alegrías á afección”, explicou José Ramón González Casas.
Julio Delgado regresou a tempada pasada ao que fora o seu equipo entre 2002 e 2006 na súa etapa como xogador para estrearse na Segunda División; en 2009-10 xa formou parte do corpo técnico laranxa, como segundo adestrador. A súa primeira experiencia nos bancos foi na Mariña co Concello de Trabada FS, de Terceira División (2006-09), no que alternou o traballo de pista e de estratexia.