En estancia contigua á Biblioteca instalada no edificio de Socorros Mútuos, funcionou polos anos 60 a primeira emisora Radio Foz. O técnico constructor da mesma fora Leopoldo Carro , “do retratista”, persoeiro singular, inquedo elucubrador, de fértil fantasía, polifacético. Eran tempos tan miserentos que para abonar a modesta paga ó artífice da mesma fixérono, solidariamente, o Concello, a Confraría de Pescadores e a Irmandade de Labregos, algo que nos día de hoxe, polo que se ve e o que se escoita, sería impensable. Foi tamén él, por aquelas datas, o primeiro que realizou excavacións no castro de Fazouro, algo que a piques estivo de costar ó intrépido arqueólogo un serio trastorno sicolóxico: foi o caso que o home, por mais voltas que lle daba á cabeza, non podía entender cómo entre os achádegos da época romana (cerámicas diversas, rodas de muiño, moedas acuñadas do s.I, e outros) aparecese unha peza de moto Vespa…. Cando o seu estado era xa preocupante os amigos, compañeiros dos días de viño e rosas, confesaron que foran eles quen depositaran tan anacrónico obxeto entre os vetustos restos… e voltou entón para él o acougo e a serenidade…Hai mais de 50 anos emitía Radio Foz, dirixido por César Rodríguez (Cesarín) e a complicidade da catedrática Pepita Pedreira; Luis Cordeiro, á sazón mestre en Santa Cilla; Jonni, que facía Deportes; Lolita Beltrán (Loterías), locutora, iste cronista e algúns espontáneos. Dende o micrófono espallaba versos a histórica poetisa Olimpia Pérez. O ano 2009 celebrouse a efeméride dos 75 anos da radio en Galicia, da que foi acto principal a coidada exposición “Galicia pola radio” que a Fundación Caixa Galicia acolleo na súa sede de Santiago. Na ilustrativa e maxistral mostra estivo Foz a través da emisora singular, posible polo encontro entre as persoas, co diálogo, o espíritu solidario e colaborador que en boa medida aniñaba na sociedade e que os dirixentes sociais e políticos xeralmente estimulaban; daí que unha vez mais insistamos na bondade de non esquecer a historia, e ogallá sexamos quen de poñer en práctica as leccions positivas que nos da.