Dende compromiso por galicia facemos un convite para un acto aberto, informativo e participativo a todas as persoas da Mariña que terá lugar na Casa do Mar de Ribadeo, as 20:30 deste Venres 22 de Xuño.
Contaremos coa presencia de Celtia Traviesas, Xoán Hermida e Xaon Bascuas.
Informaremos do proceso constituinte da nova formación politica que está a agromar e velaí as bases políticas desta nova forza, un proxecto plural que nace cunha firme vontade de transformar o noso país e a sincera aspiración de serlles útil ás súas xentes.
1. A nova forza nace porque as organizacións políticas existentes en Galicia se revelaron incapaces de dar resposta ás necesidades e inquedanzas da cidadanía.
2. A nova forza asenta nunha base plural e ofrécese como casa común dos cidadáns e cidadás de conviccións galeguistas e transformadoras, acollendo as achegas do galeguismo político e o soberanismo cívico, o progresismo inclusivo e a esquerda renovadora.
3. A principal razón de ser da nova forza é defender os intereses de Galicia no seu conxunto, para o cal se propón conseguir as maiores cotas de autogoberno para a nosa nación, opoñéndose frontalmente á ofensiva neocentralista.
4. A nova forza propugna un modelo económico e social que ofreza ao conxunto da sociedade a posibilidade de acceder, en condicións de igualdade, a uns servizos básicos universais, públicos e de calidade.
5. A nova forza aposta por un modelo de desenvolvemento económico sustentable que xere riqueza e benestar para a maioría, fundado no respecto polo medio ambiente e no fomento da innovación, a creatividade e as iniciativas emprendedoras responsables.
6. A nova forza porá todo o seu empeño na dignificación e posta en valor da identidade, a cultura, a lingua e o rico patrimonio de Galicia -no eido natural, paisaxístico, histórico-artístico e monumental- gravemente ameazado de sobreexplotación e desleixo.
7. A nova forza defenderá a igualdade entre homes e mulleres, a sustentabilidade ecolóxica, o pacifismo, a xustiza social e os dereitos humanos e dos pobos.
8. A nova forza impulsará a rexeneración da vida pública e a reforma das institucións e promoverá a participación cidadá na política, asumindo como principios básicos a responsabilidade, a transparencia e a esixencia ética no desempeño de cargos públicos.
9. A nova forza ten unha clara vocación de goberno, pois aspira a converterse nun proxecto político maioritario convencendo á cidadanía do acerto das súas propostas e mediante unha acción política tan eficaz como exemplar.
10. O proxecto político da nova forza proponse afrontar os grandes retos de futuro do país, pero sen esquecer que o prioritario é darlle resposta ás necesidades concretas dos galegos e das galegas neste difcilísimo momento histórico.