O PP OPONSE Á ADOPCIÓN DE MEDIDAS PARA GARANTIR O FUTURO DE ALCOA EN GALIZA
Branco Parga defende unha proposición non de lei para o mantemento do emprego nas factorías da Coruña e da Mariña
Santiago de Compostela, 27 Xuño 2012.- O Partido Popular negou hoxe o seu respaldo aos traballadores e traballadoras de Alcoa da Mariña e da Coruña e votou en contra dunha proposición non de lei que tiña por obxecto requirir á multinacional o mantemento do emprego e das súas condicións socio-laborais.
A iniciativa nacionalista, defendida polo deputado Fernando Branco Parga, tiña tamén como obxectivo instar ao goberno da Xunta a demandar do estado unha tarifa eléctrica para a grande industria de Galiza, a prezo reducido e con contratos de longa duración que permita a viabilidade de Alcoa no País.
Asemade, urxía a presentación dun plan concreto, con datas precisas, para a implantación do gasoducto da Mariña, que permita o consumo de gas natural na empresa.
Futuro incerto
Branco Parga xustificou este debate ante o reciente anuncio da multinacional de reducir un 5 por cento a súa produción total nas plantas que ten en Europa, entre as que, en principio, está afectada a de Coruña, onde de feito xa hai un rre temporal dun ano para os seus 420 traballadores.
O deputado nacionalista advertiu de que a incerteza sobre o futuro de Alcoa tamén chega a San Cibrao, pois nun ano normal esta empresa consume o 20-25 por cento do consumo eléctrico total de Galiza, cuns prezos moi elevados que, ademais, están por revisar.
Para o parlamentar, non sería de estranar que unha multinacional destas características, que ten centros en todo o mundo e mesmo está a abrir un centro en Arabia Saudí,decidira cesar a súa actividade en Galiza, ante a dependencia enerxética que ten a uns prezos que son dos máis elevados de Europa.
Défice tarifario
Branco Parga lembrou que ás dificultades que existiron sempre polo défice tarifario, que está a piques de volver a fixar a súa tarifa nunha nova subasta hoxe mesmo que pode oscilar entre un mínimo dun 4 e un máximo dun 8 por cento, hai que engadir o real decreto de Marzo deste ano, do goberno de Rajoy, que encarece até nun 10 por cento o prezo do servizo de interrumpibilidade.
“É esta a política de apoio do PP para o desenvolvemento industrial?”, preguntou, e engadiu que “se non somos quen de reter unha empresa como Alcoa, para que queremos tanta produción enerxética en Galiza, que beneficio conseguimos se non podemos ofertar enerxía máis barata á nosa industria?”.
Discriminación territorial
Neste sentido, o deputado nacionalista defendeu a implantación dun sistema solidario como o sistema extrapeninsular, que fai que todas as comunidades asuman solidariamente os custes das illas e de Ceuta e Melilla. “Nós tamén queremos un elemento discriminatorio acorde coa nosa capacidade de produción”, dixo.
Para Fernando Branco Parga, cómpre defender a economía de Galiza e de comarcas que xa están sendo moi castigadas pola crise como A Mariña e A Coruña e obrigar tamén a Alcoa a que deixe de precarizar o traballo.
Gasoducto
Sobre o gasoducto, lamentou que o deputado do PP José Manuel Balseiro tentara responsabilizar aos veciños da demora dun ano nas obras. Para o parlamentar do BNG, non é de recibo que hai exactamente un ano o conselleiro se comprometera ao inicio das mesmas e agora que se comproba o seu incumprimento, o PP diga que é debido aos veciños e ao seu dereito a presentar alegacións.