A Mesa pola Normalización Lingüística celebra o ascenso a primeira división do Celta máis galego das últimas décadas
A Mesa pola Normalización Lingüística quere dar os parabéns ao equipo vigués pola súa excelente traxectoria deste ano, culminada co seu ascenso, grazas ao equipo máis galego dos últimos 40 anos. Así se puido ver no serán de onte, xa que a lingua normal da histórica xornada foi o galego: na cartelaría, nas intervencións do animador, nos grupos musicais, etc.
O éxito do Celta é o resultado de contar cunha inmensa maioría de xogadores da propia canteira, que tamén se constata en que optan polo galego para se expresaren normalmente nos medios de comunicación.
A asociación considera que é notábel o efecto normalizador da nosa lingua que realizan así os deportistas, aos que anima a continuar co seu bo facer nos terreos de xogo e na súa identificación cun dos símbolos do noso país, como é o idioma propio. Unha das claves do ascenso, a estreita unión coa afección de toda Galiza, vese así reforzada.
Grazas por facer un galego de primeira!