Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mesa alerta de que o ensino en galego “é residual na educación infantil das sete cidades”

A Mesa alerta de que o ensino en galego “é residual na educación infantil das sete cidades”

“A erradicación do galego das zonas máis poboadas e da escolarización básica pon en risco a cohesión social e o futuro da nosa cultura”

A Mesa anima as familias a responderen “galego” nas matrículas de Educación Infantil, “pois é o único xeito de garantir unhas competencias mínimas tamén na lingua do país”

Santiago de Compostela, 5 de xuño 2012.- A Mesa pola Normalización Lingüística constata que na educación infantil das sete cidades galegas (até os seis anos) a presenza da lingua propia do país “decaeu de forma notoria nos anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo” e calculan que este descenso está mesmo por debaixo do 10%.

A maior asociación cultural do país alerta de que “unha posición tan residual da lingua propia nas áreas máis poboadas de Galiza e nas idades máis temperás pon en risco a cohesión social de Galiza e o futuro da nosa cultura”.

Por iso, a entidade presidida por Carlos Callón reclámalle á Xunta que “escoite ás asociacións de nais e pais, sindicatos, organizacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica, que lle reclaman a unha soa voz unha política educativa, lingüística e cultural que non ataque os nosos sinais de identidade e que garanta as competencias comunicativas do alumnado no idioma propio de Galiza”.

Ademais, A Mesa tamén “anima” ás familias con nenas e nenos en educación infantil a que respondan “galego” nas preguntas da matrícula que lles achegarán desde os centros. “Sabemos que se trata dunha consulta trampeira, xa que nin fica claro o motivo da pregunta, nin as súas consecuencias, mais temos que ter claro que só respondendo galego se defenderá o dereito de aprendizaxe no idioma que nos une como galegas e galegos”, apuntan.

Exit mobile version