Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclama no Parlamento que a Xunta complete as transferencias das estradas provinciais

Manuel Martínez reclama no Parlamento que a Xunta complete o proceso de transferencia das estradas provinciais

– O Deputado de Xestión Territorial reiterou na Comisión de Seguridade Vial a demanda que o Presidente lle fixo a Feijóo na reunión que mantiveron no Pazo de Raxoi

– Martínez lembrou que a Deputación elabora coa Universidade de Santiago un estudo pioneiro para reducila siniestralidade provocada pola irrupción de animais soltos na estrada

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, compareceu este luns na Comisión de Seguridade Vial do Parlamento de Galicia, que aproveitou para reclamar á Xunta que complete o proceso de transferencia das estradas provinciais. Martínez lembrou que a Deputación xestiona a rede viaria provincial máis extensa de España, cun total de 4.200 quilómetros, e cuxo mantemento “nos obriga a consignar nos Orzamentos unha partida de 1,1 millóns de euros”. “Levamos 5 anos demandando que se complete o proceso de transferencia, e cremos que o Goberno autonómico non pode manter máis anos bloqueada esta situación, non só polo custe económico que supón para as arcas provinciais, senón porque, a estas alturas, é urxente aclarar que Administración se ocupa de que, é dicir, depurar as competencias propias e impropias”, explicou.

O Deputado reiterou deste xeito no Parlamento a demanda que o propio Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, lle fixo ó titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que mantiveron a pasada semana no Pazo de Raxoi. Besteiro solicitou para a de Lugo o mesmo trato que para as Deputacións de Pontevedra e Ourense, coas que o Executivo autonómico acadou un acordo nesta materia.

Manuel Martínez, neste mesmo senso, insistiu no Parlamento galego na necesidade de que a Xunta dote de orzamento suficiente ó proxecto da Ronda Leste e defina os prazos para a súa posta en marcha, tal e como se comprometera a Consellería de Infraestruturas.

Estudo pioneiro sobre siniestralidade viaria

Martínez subliñou así mesmo que a seguridade vial é unha prioridade para a Deputación, como demostra o estudo pioneiro que desenvolve a institución luguesa en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela sobre a fauna salvaxe e os accidentes na rede viaria provincial motivados pola irrupción na calzada de animais soltos. “Queremos reducir a siniestralidade que temos na provincia de Lugo provocada por animais soltos na calzada, que é a máis grande de Galicia e das maiores de España. Unha siniestralidade na que, precisamente, ten un forte peso o abandono da Galicia interior por parte do Goberno autonómico, e, consecuentemente, o abandono do territorio e o despoboamento, o maior problema ó que ten que enfrontarse Lugo en particular, e Galicia en xeral, sobre todo nas zonas rurais”.

O Deputado recalcou que o Goberno provincial combate “a sangría demográfica e os seus efectos, tanto con medidas para crear emprego e dinamizala economía para fixar poboación, como con actuacións que reduzan o risco de que a fauna salvaxe invada a rede viaria e provoque accidentes, así como danos na agricultura”. É o caso dunha experiencia pioneira en Galicia –e da que so existen precedentes noutras tres provincias españolas- que consistiu na semente de diferentes tipos de millo e trigo en 39 hectáreas de 5 Concellos. No primeiro no que se implantou esta experiencia, o Concello da Fonsagrada, reducíronse nun 70% os danos nos cultivos, segundo datos facilitados polo TECOR deste municipio, un dos máis grandes de España.

Exit mobile version