Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión Europea confirma ao BNG que Galiza precisa incrementar o espazo da Rede Natura

A COMISIÓN EUROPEA CONFIRMA AO BNG QUE GALIZA PRECISA INCREMENTAR O ESPAZO DA REDE NATURA 2000 E PRESENTAR UN PLAN DIRECTOR DE CONSERVACIÓN ANTES DE FINALIZAR 2012

A deputada Ana Miranda mantivo un encontro coa directora xeral de Natureza e Biodiversidade da Comisión Europea, Pia Bucella, coa presenza do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, quen expuxo a situación da Praia das Catedrais

“Galiza está perdendo fondos comunitarios por falla de proxectos concretos”

Bruxelas, 22 xuño de 2012 .- Galiza precisa incrementar os espazos incluídos na Rede Natura 2000 e presentar un Plan Director de Conservación da mesma antes de que finalice 2012, como requisito necesario para poder acceder aos fondos de financiamento que a Unión Europea porá a disposición dos Estados para o período 2014-2020.

A Comisión Europea, representada pola titular da Dirección Xeral de Natureza e Biodiversidade, Pia Bucella, foi clara ao informar deste requisito na reunión coa eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, e co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, onde se analizou a situación da Rede Natura en Galiza e se abordou o caso concreto da Praia das Catedrais.

Na actualidade, só o 11% do territorio galego está incluído na Rede Natura 2000, mentres que a media da UE está no 18%. “Ademais desta diferencia, a maior parte dos espazos protexidos de Galiza, -Lugares de Interés Comunitario (LICs)-, carecen dun plan de xestión de usos e unha planificación que permita facer compatible a preservación ambiental coa económica, en función do grao de protección de cada caso”, explicou Miranda.

“Galiza está perdendo oportunidades de recibir fondos da Unión Europea porque o Goberno galego non presenta plans de xestión de espazos naturais que, ademais de conservar a nosa biodiversidade, podería ser unha fonte de actividade económica e de creación de emprego da que se beneficiarían, sobre todo, os veciños e veciñas do entorno desas áreas protexidas”, salientou a eurodeputada.

“Bucella, como representante da Comisión Europea, deixou claro que o plan director é un requisito fundamental para optimizar o financiamento que pode recibir Galiza desde a Unión Europea para a preservación da sua Rede Natura, a través de diversos fondos, non só os específicos vinculados ao medioambiente, -como o Programa Life-, senón tamén a través do FEDER ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), dos que se poden beneficiar os Lugares de Interese Comunitario marítimos, como é o caso da Praia das Catedrais”, argumentou a eurodeputada.

Praia das Catedrais

Neste sentido, a reunión contou coa presenza do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, quen expuxo a situación da Praia das Catedrais ante o Executivo da UE, como exemplo concreto dun espazo cualificado como (LIC) e declarado “monumento natural” polo Estado español, pero que carece dun plan de xestión de usos, “imprescindible para este lugar que é unha imaxe referencial non só para Ribadeo senón para o conxunto de Galiza”, explicou.

“A Praia das Catedrais recibe ata 6.000 visitantes ao día e supón unha fonte de riqueza fundamental para o noso Concello, polo que é imprescindible a coordinación de todas as Administración, -local, autonómica, estatal- para elaborar un plan de xestión que faga compatible a preservación ambiental co desenvolvemento económico que aporta”, salientou Suárez. “Temos problemas de masificación e de carencia de infraestruturas básicas, como un aparcadoiro suficiente ou accesos acaídos”, puxo como exemplo.

A Comisión Europea confirmou ao alcalde que un plan de xestión para a Praia das Catedrais, que recolla os servizos e instalacións que precisa, encaixaría perfectamente nas accións financiables con fondos comunitarios.

Finalmente, Miranda anunciou que o BNG, a través do Grupo Verdes/ALE propón organizar unha xornada no Concello de Ribadeo con participación de todas as Administracións implicadas, expertos e organizacións ecoloxistas para analizar a situación da Rede Natura 2000 en Galiza, e súa necesaria ampliación e planificació

Exit mobile version