Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que Educación segue co plan de suprimir unidades e postos de traballo nos centros da Mariña

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría segue co seu plan de suprimir unidades, suprimir profesorado e agrupar alumnado de diferentes idades nunha mesma aula nos centros da Mariña

A Consellaría discrimina aos centros de poboacións pequenas que non terán as mesmas condicións de aprendizaxe que as demais

Ribadeo a 28 de xuño de 2012.- Como anunciaba a CIG días pasados a Consellaría de Educación, dirixida polo PP, continua co seu plan de suprimir un importante número de unidades e postos de traballo nos centros da Mariña así como a de agrupar alumnado de diferentes etapas, cursos e ciclos.

Polas comunicacións que está facendo a Xefatura Territorial da Xunta en Lugo aos centros da Lugo, a Consellaría suprimirá na provincia para o vindeiro curso 40 unidades de Educación Infantil e Primaria e 54 postos de traballo de mestres. Con estes novos datos, sumados ao resto das provincias galegas, as supresións superarán para o próximo curso en Galiza as 155 unidades e os 240 postos de traballo.

Segundo os datos que a CIG manexaba, confírmase que en Educación Primaria a Xunta pretende suprimir na Mariña 7 unidades escolares e a supresión de 7 profesores/as con respecto ao ano pasado. Ao final, na Mariña veranse afectados os centros de Primaria de Alfoz, de Barreiros, de Mondoñedo e de O Vicedo. No Ceip Castro de Ouro de Alfoz suprimen 1 unidade de Educación Infantil agrupando a 14 nenos e nenas de 3 a 5 anos todos nunha mesma aula e suprimen unha praza de mestre de Educación Infantil quedándose o centro tamén sen o cargo de secretario co que as tarefas administrativas acumularanse aínda máis. Outro caso grave é do Ceip de San Cosme de Barreiros onde suprimen 1 unidade de Primaria e 3 prazas de mestres suprimidas (1 de Inglés, 1 de Música e 1 de Educación Física). Tamén agruparían a 14 nenas e nenos de 3 a 5 anos nunha soa aula de infantil e a 16 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos nunha soa aula de primaria, coa problemática que esta medida conleva. Con toda seguridade este centro queda sen especialistas e polo tanto os nenos e nenas estarán discriminados con respecto aos doutros centros pois non poderán ter as clases de educación física e de música as que terían dereito para formarse. Outros centros onde se recortan unidades e profesorado son o Ceip Alvaro Cunqueiro de Mondoñedo onde suprimen 2 unidades de Educación Infantil e 2 profesoras e o Ceip do Vicedo onde suprimen 1 unidade de Primaria e 1 profesora.

Cos estes agrupamentos que procura a Consellaría abundarán as unidades con alumnado de diferentes idades, cursos, ciclos e, mesmamente, etapas, xa que teñen a pretensión de levalas a cabo sempre que non superen os 20 alumnos, e incluso nalgúns casos os 25. Isto vai a afectar a calidade do ensino e por suposto ao desenvolvemento persoal do alumnado ao mesmo tempo que supón unha discriminación en toda regra das poboacións pequenas e rurais con respecto ás outras pois con estas medidas o alumnado destes centros non terán os mesmos especialistas nin a mesma calidade educativa (temporalización da aprendizaxe, atención especializada, etc.). Os recortes tamén poden afectar nalgún centro aos comedores escolares onde haxa menos de 23 usuarios, onde se suprimirían.

As supresións aplicaranse en todos os niveis educativos xa que, en Secundaria, Inspección educativa anunciou que traballa co obxectivo de reducir en moitos centros un 10% os cadros de persoal. Ademais, incrementarase o número de afíns a impartir. Por exemplo, xa se coñece a intención da Consellaría de que o profesorado de Matemáticas imparta Debuxo en 2º de Bacharelato. A isto hai que sumar a dificultade que terán os ciclos formativos para manterse porque a Consellaría non permite matricularse neles ata setembro, a amortización de prazas ou integración de centros.

A CIG calcula que a Consellaría suprimirá en total con estas medidas arredor de outros 15 postos de traballo na comarca que sumados aos 18 e 20 dos anos anteriores estamos a falar de máis de 50 profesores/as en 3 anos, unha barbaridade.

Para a CIG-Ensino, as instrucións que se trasladan aos centros confirman que a folla de ruta trazada polo PP inclúe a aplicación de novos recortes no ensino público que irán en detrimento da calidade do ensino e do dereito do alumnado a recibir este servizo público en igualdade de oportunidades, algo que desde a CIG seguirase a combater. Ante a onda de recortes a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestouse este mércores 27 de xuño en Santiago. A CIG volve a manifestarse diante da Consellaría este venres para mostrar o seu rexeitamento ante todas estas medidas e seguirá oponse frontalmente ante este ataque contra o ensino público galego.

Exit mobile version