Site icon Crónica3.com A Mariña

278 lucenses realizarán as rutas de Km0 desta semana na Mariña, A Ulloa, Lugo, a Zona Sur e A Montaña

O programa Km0 impulsa a actividade de 124 empresas da provincia, que dan emprego directo a unhas 850 persoas

– 278 lucenses redescubrirán nas seis rutas desta semana as comarcas da Mariña, A Ulloa, Lugo, a Zona Sur e A Montaña

– A Deputada de Deseño e Artesanía recibiu hoxe a un grupo de 55 alumnos do CPR A Milagrosa de Lugo e a outros 55 integrantes da Asociación Mulleres en Igualdade de Sober, que gozaron das rutas Eucaliptal de Chavín e Illa Coelleira, respectivamente

O programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo impulsa a actividade de 124 empresas de sectores estratéxicos da provincia, a maioría delas de hostalería, pero tamén firmas agroalimentarias, como adegas, queixerías, fabeiros, produtoras de embutidos ou pastelerías, así como artesás e organizacións vinculadas á pesca. Estas firmas colaboradoras co proxecto do organismo provincial dan emprego de maneira directa a unhas 850 persoas, o que dá boa conta do impacto económico que supón a iniciativa da Deputación, cofinanciada por fondos europeos.

Nas seis rutas programadas para esta semana participarán un total de 278 persoas, que redescubrirán as comarcas da Mariña, A Ulloa, Lugo, Zona Sur e A Montaña. A Deputada de Deseño a Artesanía, Regina Polín, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ós dous primeiros grupos: 55 alumnos do CPR A Milagrosa de Lugo e outros 55 integrantes da Asociación Mulleres en Igualdade de Sober, que fixeron as rutas Eucaliptos de Chavín e Illa Coelleira, respectivamente. No caso dos estudantes, trala recepción, visitaron as instalacións da Fundación TIC, dependente da Deputación, e xa en Viveiro comeron no restaurante Val do Naseiro e coñeceron os eucaliptais de Chavín, casas indianas, o mosteiro de Valdeflores e o miradoiro de San Roque. Pola súa banda, o colectivo de Sober achegouse á insua de Burneiros e Fervenza, comeu no restaurante Area Grande do Vicedo e desprazouse á ponte do Ferro, á praia de Arealonga e ó porto do Vicedo, ademais de gozar de vistas do faro de Estaca de Bares e da Illa Coelleira.

Para mañá mércores están previstos dous novos itinerarios, neste caso por Palas e Guntín, que farán 24 usuarios do centro de convivencia da Milagrosa, en Lugo, e por Sober, do que gozarán 48 alumnos do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, tamén da capital lucense. No primeiro caso, iniciarán o percorrido no Centro de Interpretación de Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, e continuarán no Castelo de Pambre, Vilar de Donas e o Mosteiro de Ferreira de Pallares. A comida terá lugar no restaurante Parada das Bestas de Pidre. En canto ós estudantes, desprazaranse ó mazo de Santa Comba, comerán na Cantina de Doade e logo embarcarán en catamarán para facer un paseo pola zona de Amandi.

O xoves termina a programación desta semana cunha ruta por Ribadeo e outra por Negueira de Muñiz, solicitada pola delegación lucense de Aspnais (Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual) e pola Asociación de Veciños de Cela, no Corgo, respectivamente. Os usuarios e familias de Aspnais, en total 48 persoas, coñecerán a olería de Bonxe, comerán no restaurante ribadense O Cabazo e darán un paseo por Illa Pancha e o casco histórico de Ribadeo. Mentres, 48 integrantes da asociación veciñal do Corgo coñecerán as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) de Lugo, comerán en Casa Sara da Fonsagrada e achegaranse ó encoro Salime-Negueira e ó museo comarcal.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.

Exit mobile version