Site icon Crónica3.com A Mariña

BIC GALICIA en colaboración co Concello de Xove ofertan un curso de xeración e maduración de ideas empresariais

SEMINARIO DE XERACIÓN E MADURACIÓN DE IDEAS EMPRESARIAIS:

“Para crear unha empresa necesítase unha idea e non todas as ideas son boas”.

Está aberto o prazo para inscribirse no SEMINARIO DE XERACIÓN E MADURACIÓN DE IDEAS EMPRESARIAIS” que terá lugar os días 11, 18 e 25 de XUÑO na Aula de Formación do Concello de Xove, das 9 ás 14 horas.

Este Seminario está organizado por BIC GALICIA en colaboración co Concello de Xove a través do Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.

Obxectivos:

– Xerar ideas de empresa.

– Madurar ideas de empresa para transformalas en ideas empresariais, ideas de negocio.

– Avaliar unha idea de negocio e ver as súas posibilidades coma proxecto de empresa.

Fundamentación:

Un elemento imprescindible para a creación dunha empresa é dispor dunha boa idea. Pero non so é necesario ter a idea, esta idea ten que ter un mínimo de maduración ou do contrario non será doado traballar con ela para determinar as posibilidades de converterse nun proxecto de empresa.

Por este dobre motivo, o de dispor de ideas e o de que estas teñan un mínimo de maduración, xurde este SEMINARIO DE XERACIÓN E MADURACIÓN DE IDEAS EMPRESARIAIS, unha ferramenta de formación mixta que consta de tres sesións non consecutivas de traballo nas que se comezará descubrindo 34 fontes de ideas para xerar ideas de empresa, para despois autoanalizalas e ao final determinar a súa previabilidade.

Asistentes:

O único que se considera imprescindible para asistir a este SEMINARIO é ter a motivación e a predisposición necesaria para xerar ideas, realizar o proceso de maduración e avaliación posterior, polo que non é necesario dispor dunha idea previa.

Considerase a asistencia a este seminario moi útil para persoas emprendedoras, alumnas de Accións de Formación (especialmente alumnado de últimos cursos de Formación Profesional), beneficiarias de Programas de Fomento de Emprego, desempregadas,…

O número de prazas é limitado e expedirase certificado de asistencia.

Contidos:

– Primeira parte: Xeración de ideas de empresa a partir de fontes de ideas para a súa validación posterior.

– Segunda parte: transformación de ideas de empresa en ideas de negocio para que permita determinar a súa previabilidade.

– Terceira parte: avaliación de ideas de negocio e análise das posibilidades de converterse nun proxecto de empresa.

Para Información e inscricións: 982592001 – Rosa Lage- Axente de Emprego e Desenvolvemento Local.

Exit mobile version