HOXE DA COMEZO A SÉTIMA EDICIÓN DO RIBADEO DE TAPEO. 51 MESÓNS, BARES E RESTAURANTES OFRECERÁN AS SÚAS PROPOSTAS ATA O VINDEIRO 27 DE MAIO. A CITA INCLÚE TEATRO, MÚSICA E OUTRAS MOITAS ACTIVIDADES.
Ribadeo, 18 de maio de 2012. Hoxe arrinca a sétima edición do concurso gastronómico Ribadeo de tapeo. Un total de 51 mesóns, bares e restaurantes ofrecerán as súas propostas ata o vindeiro 27 de maio. O prezo da tapa será de 1,30 euros. Esta cita coa cociña en miniatura inclúe actividades como teatro, música, un cumio de cociñeiros de Galicia e Asturias e premios para os que acudan a degustar 20 ou 51 tapas.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “un clásico xa en Ribadeo é esta cita que hoxe da comezo, chegamos á sétima edición dunha iniciativa que creamos no Concello e na que contamos con apoios doutras institucións como poder a Deputación Provincial de Lugo. Este ano tentamos coller o mellor de todas as edicións anteriores e incluíndo novos ingredientes como teatro, música, actuacións na rúa, para encher Ribadeo de son e de cores”.
O rexedor explicou que “nesta sétima edición participan 51 bares, mesóns e restaurantes da vila de Ribadeo, pero tamén das parroquias como Remourelle, Rinlo ou Vilaframil. Todos os clientes que queiran disfrutar do Ribadeo de tapeo, dunha ruta ou de varias, terán que ir non só pola vila, senón tamén polas parroquias”.
Suárez Barcia subliñou que haberá premios e novidades importantes, “os que obteñan 20 selos do Ribadeo de tapeo poderán obter varios premios, como por exemplo fins de semana en casas de turismo rural e voltamos a dar o premio a aqueles valentes que realicen a ruta enteira. Éstes participarán no sorteo para facerse co selecto premio ao larpeiro ou á larpeira de ouro. Algún dos premios inclúe unha volta en avioneta, cousas innovadoras para este 2012. Hai un facebook especial para o Ribadeo de tapeo, tamén vinculamos a restauración cos hoteis e cos hostais e así creamos os Soños gastronómicos, onde a xente que acuda a esta cita terá e se aloxe aquí obterá descontos nas pernoctas do 15% e ao mesmo tempo poderán participar nunha ruta express e no sorteo de agasallos”.
Durante estes 10 días tamén haberá teatro, música, no auditorio, na Casa das Letras, pola rúa, “haberá iniciativas singulares e pintorescas, a xente de Sonda Norte pintará no centro de Ribadeo todas as tapas das alcantarillas, imos encher Ribadeo de cores, imos facer atractivo estar en Ribadeo, tapear en Ribadeo, falar cos amigos en Ribadeo… queremos convidar como todos os anos desde a Área de Desenvolvemento Local e Turismo a toda á xente da Mariña luguesa e do Occidente de Asturias e do resto do país a que repitan e veñan a Ribadeo. As tapas serán novidosas, a hostalería vai dar o mellor de sí, vai ofrecer o mellor da cociña en miniatura para facer unha festa durante os 10 días do Ribadeo de tapeo”.