Site icon Crónica3.com A Mariña

Carta aberta aos alcaldes da Mariña

Carta aberta aos alcaldes da mariña


Benqueridos alcaldes,

Ao parecer a asociación de produtores de papel e cartón ASPAPEL, co coñecemento da Consellería de Medio Rural e do Mar, está a ofrecer ás comunidades de montes e a propietarios particulares da nosa comarca fumigacións aéreas gratuítas co insecticida CASCADE, da casa BASF, a base de flufenoxuron.

As asociacións constituíntes da Plataforma Contra as Fumigacións na Mariña solicitamos a súa intevención para paralizar estas accións que coidamos moi perigosas, especialmente no noso pais, onde a dispersión da poboación fai que en case calquera lugar poida haber casas ou persoas.

Ao respecto das mesmas, consideramos:

1º A fumigación aérea (de xeito xeral, salvo casos excepcionais sen alternativa viable que requiren unha autorización especial e avisos á cidadanía) está prohibida pola Directiva 2009/128/CE, que tería que ter sido trasposta a finais do 2011, pola imposibilidade de garantir que os produtos fitosanitarios, a miúdo perigosos para a saúde e o medio, vaian onde se pretende que vaian.

Independentemente da súa non trasposición, as Directivas son de obrigado cumprimento polas administracíóns, polo que coidamos que a actuación colaboradora da Consellería de Medio Rural e do Mar ao respecto é profundamente incorrecta.

2º O flufenoxuron está retirado do mercado debido á súa baixa biodegradabilidade e a súa perigosidade para a vida acuática.

a) Mata os insectos, non só o gorgollo senón tamén as abellas, prexudicando gravemente ás explotacións de mel. Os paxaros que se alimentan de insectos poden morrer tamén por acadar elevadas doses do veleno no seu corpo. Mesmo outros predadores que coman os paxaros mortos poden tamén verse afectados, e estamos a falar de Concellos con zonas protexidas.

b) O que vaia aos regos e á ría suporá un grave risco tamén porque a maior incidencia do veleno se produce na vida acuática, matando aos invertebrados que alimentan aos peixes, tesouro dos nosos rios nos que a pesca é un valor senlleiro, e cuxas augas alimentan tamén humidais protexidos como os LICs de Ribadeo ou de Masma.

c) Ao matar as abellas provoca un grave prexuízo tamén á agricultura, que depende da polinización. A maiores, non se pode obviar o impacto sobre as explotacións ecolóxicas, que poden verse afectadas durante anos por atoparse nas análises do seu chan presencia dun fitosanitario non só non autorizado para a agricultura ecolóxica senón prohibido na UE.

d) O máis grave, a UE non desbotou efectos sobre a saúde das persoas, que poden verse afectadas tanto por respirar o insecticida como pola súa inxestión a través das captacións de auga, ou consumindo produtos das súas hortas. Asociacións de afectados polo síndrome de Sensibilidade Química Múltiple teñen denunciado aos autores destas prácticas por considerar que a a súa doenza débese á teren sido sulfatados desde o ar.

e) Finalmente é de destacar a incoherencia de fumigar masivamente montes nos que se está a aplicar a loita biolóxica coa liberación da Anaphes nitens, ao que agora tamén se vai matar co flufenoxuron.

En resumen, tanto a fumigación aérea como o uso do flufenoxuron están xa prohibidas na UE. Pero o máis grave de todo prodúcese ao xuntar as dúas: a fumigación aérea, dispersa e sen control, con un produto prohibido e perigoso, sen pensar na saúde das persoas.

Por iso os membros desta Plataforma solicitamos desde aquí aos seus Concellos que traballen para impedir esta práctica co obxecto de garantir a protección dá saúde dos veciños, a produtividade agrícola e gandeira, a pesca fluvial e os nosos humidais.

Solicitamos tamén desde aquí a todos os grupos políticos con representación nos Concellos da Mariña que apoien a convocatoria de Plenos Extraordinarios para tratar o asunto e asinen unha resolución para prohibir estas fumigacións e informar aos veciños do risco das mesmas para as persoas e o medio ambiente.

Plataforma Contra as Fumigacións da Mariña

Exit mobile version