Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta pon a disposición dos concellos un servizo de asesoría enerxética

OS CONCELLOS PODEN ACCEDER XA AO SERVIZO ESPECÍFICO DE ASESORÍA ENERXÉTICA POSTO EN MARCHA POR ECONOMÍA E INDUSTRIA

 Centralízase así a atención que presta o Instituto Enerxético de Galicia aos municipios, que poderán resolver as súas dúbidas e recibir asesoramento para reducir o seu consumo eléctrico

 A contratación da electricidade no mercado libre, os prezos da enerxía, a modernización do mantemento ou as empresas de servizos enerxéticos son algunhas das cuestións sobre as que se informa

 Tamén se facilita información sobre as distintas liñas de axudas ofrecidas polo Inega, a través das cales apoiou aos concellos con máis de 3,6 millóns de euros no último ano

Santiago, 18 de abril de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pon hoxe en marcha un servizo de asesoría enerxética específico para os concellos co obxectivo de facilitar a toma de decisións relacionadas co consumo eléctrico, contribuíndo á potenciación do aforro e a eficiencia enerxética. Así, todos aqueles que o desexen poderán plantexar as súas dúbidas enviando un correo electrónico a inega.asesoriaenerxetica@xunta.es; ou no número de teléfono 981 541 540 habilitado con este motivo.

A través deste servizo específico, centralízase a atención que se ofrece aos municipios para que poidan resolver e aclarar as distintas dúbidas que lles xorden en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento. Así atenderanse de xeito individualizado as consultas dos concellos, contribuíndo á optimización do seu consumo eléctrico, que supón, de media, o 78% do consumo enerxético municipal.

Entre outros asuntos, tamén poden obter información sobre empresas de servizos enerxéticos –empresas que proporcionan servizos enerxéticos ou de mellora da eficiencia enerxética amortizando ditos servizos en función dos beneficios obtidos das melloras na eficiencia enerxética-.

Neste contexto, o servizo servirá, tamén, para que os concellos poidan consultar as múltiples liñas de axuda que o Instituto Enerxético de Galicia pon cada ano a súa disposición. A través destas liñas, o Inega leva concedidos no último ano máis de 3,6 millóns de euros para que os municipios realicen auditorías enerxéticas, renoven as instalacións de iluminación pública exterior por outras máis eficientes, aborden estudos de viabilidade para a elaboración de planes de mobilidade urbana sostible, ou aposten polas enerxías renovables nas súas instalacións.

Esta asesoría específica para concellos complementará á ferramenta informática de cálculo das tarifas eléctricas na que está a traballar tamén o Inega. A través desta aplicación, os municipios poderán consultar a idoneidade da potencia contratada, comprobar a coherencia dos consumos en función do tipo de subministro, ou estudar a conveniencia de optar pola discriminación horaria. Os resultados obtidos poderán ser cotexados neste novo servizo de asesoría enerxética, resolvendo as dúbidas cos técnicos do Inega empregados na mesma.

Co desenvolvemento deste novo servizo específico, a Consellería de Economía e Industria reitera a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética ao tempo que contribúe ao aforro económico dos concellos, que en función das súas características poden solicitar distintas liñas de axuda postas en marcha polo Inega, como as destinadas á realización de auditorías enerxéticas ou a substitución de luminarias por outras máis eficientes.

Exit mobile version