Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía e Industria achega aos concellos subvencións para modernizar os parques empresariais

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON A DISPOSICIÓN DOS CONCELLOS GALEGOS 2,2 MILLÓNS DE EUROS PARA A MODERNIZACIÓN DOS SEUS PARQUES EMPRESARIAIS

 A través da convocatoria que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia financiarase ata o 90% dos custos subvencionables e posibilitarase o pago de anticipos de ata o 80% da axuda concedida

 Con esta nova achega súmanse máis de 8,5 millóns destinados á liña de Parques Empresariais na lexislatura

 Nesta nova edición apóianse iniciativas de aforro e eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia

Santiago, 18 de abril de 2012.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería de Economía e Industria para que os concellos galegos incorporen ou renoven as infraestruturas nos parques empresariais municipais, dotada con 2,2 millóns de euros. Isto supón duplicar as aportacións do pasado exercicio, sumando unha dotación total de máis de 8,5 millóns de euros na lexislatura.

Esta liña está orientada a facilitar aos municipios galegos a modernización dos seus parques empresariais, de xeito que posibilitará financiar ata o 90% dos custos que sexan considerados subvencionables e permitirá o pago de anticipos de ata o 80% da axuda concedida.

Con estas medidas faise máis accesible aos concellos a posta en marcha de melloras que aumenten a calidade do solo industrial, que poden ofrecer ás industrias que se instalan e xeran postos de traballo en Galicia. Nesta edición, estímase que ao redor de 35 parques empresariais poderán beneficiarse desta liña, coa que será posible chegar a máis de 120 parques apoiados na lexislatura, uns 70 parques máis que no período anterior.

En concreto, con estas axudas a Consellería de Economía e Industria apoia iniciativas como a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso aos parques empresariais ou instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia.

Tal e como se ten feito nas devanditas convocatorias da liña, as axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, establecendo un proceso de valoración obxectivo e transparente. Deste xeito, a Xunta de Galicia aposta pola mellora das infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade.

Exit mobile version