Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto dun cento de ciclistas participaran na terceira edición da Ruta Medela de cicloturismo en Cervo

Nota de prensa

Case un cento de persoas percorrerán 39 quilómetros en bicicleta na III Ruta Medela de cicloturismo

-Trátase dunha proba de dificultade media na que participarán persoas procedentes de toda Galicia e tamén de fóra da comunidade

-Os ciclistas descubrirán algúns dos atractivos do municipio e as súas paisaxes

-Os participantes disporán de avituallamento a medio camiño e bolos preñados ao remate

Cervo, 2 de febreiro de 2012-O vindeiro domingo terá lugar no municipio cervense a terceira edición da Ruta Medela de cicloturismo, organizada polo Club Medela MTB e coa colaboración do Concello de Cervo. Polo momento a convocatoria foi un éxito, xa que se anotaron case un cento de persoas, tanto federadas como non federadas, procedentes de distintos puntos de Galicia e incluso de fóra. Todos eles teñen por diante o reto de percorrer 39 quilómetros en bicicleta de montaña nunha proba cun nivel medio de dificultade.

Xunto coa vertente deportiva desta ruta, cabe destacar “a beleza paisaxística que poderán contemplar os participantes ao longo do percorrido”, explica o edil de Deportes, José Ramón Soto. A hora de saída prevista é ás 9:00 horas dende das inmediacións da piscina de San Ciprián e discorrerá polos lugares de Vilar, Lieiro, Espiñeirido, Cervo, Sargadelos, A Senra e Gondrás para rematar no mesmo punto de saída, sobre as 15:30 horas.

Ademais, ao longo dos 39 quilómetros, os ciclistas atoparanse con lugares de interese como as antigas fábricas de salgado en San Ciprián, o antigo camiño real de Cervo, as inmediacións da fábrica de Sargadelos, as antigas factorías de fundición e o Paseo dos Namorados. “Unha moi boa forma de fomentar o deporte do ciclismo ao mesmo tempo que damos a coñecer algúns dos moitos atractivos do noso concello” engade o edil de Deportes.

Para poder afrontar este percorrido de dificultade media, os participantes disporán de avituallamento aproximadamente na metade da ruta, e de novo poderán repoñer forzas ao remate da proba cos bolos preñados que estarán preparados á súa chegada.

Exit mobile version