Site icon Crónica3.com A Mariña

Os BNG de Cervo presenta unha iniciativa para pedir ao pleno o rexeitamento da Reforma Laboral

Nota de prensa

A Reforma Laboral do PP so axuda ás clases mais podentes da sociedade en prexuízo da maioría social que verá reducidas bruscamente as súas condicións laborais e económicas

Os nacionalistas presentan unha iniciativa para pedir ao pleno o rexeitamento desta medida.

Para Estúa a súa aplicación xerará mais desemprego e non reactiva a economía con consecuencias no comercio cunha caída aínda maior do consumo.

Cervo, 2 de marzo de 2012. O BNG ten rexistrado para o seu debate en pleno unha moción de rexeitamento do Real Decreto Lei 3/2012 de Medidas Urxentes para a reforma do mercado laboral. Para os nacionalistas esta medida, aínda pendente do trámite parlamentar, constata as intencións do actual goberno central de aproveitar a crise económica para desmantelar os dereitos sociais e laborais das maiorías sociais en beneficio dos mercados e da gran patronal. En Cervo ninguén sairá beneficiado xa que o noso tecido social e económico esta formado pola pequena e mediana empresa, asalariados e comerciantes que non mellorarán as súas condicións socioeconómicas pola ausencia de estímulos para a reactivación económica e a caída do consumo.

No tecido socioeconómico do noso concello ninguén sae beneficiado con esta reforma laboral

O portavoz municipal, Xoán Antón Estúa, explicou que no tecido socieconómico do concello de Cervo coa sola excepción da multinacional Alcoa, “cuxos problemas non están precisamente na carga laboral, non hai ninguén beneficiado por esta reforma que nin crea estímulos para a reactivación económica, nin axuda á xeración de emprego, mais ben ao contrario”. Neste sentido o nacionalista incidiu en que “nin esta nin a actual reforma axudarán a crear emprego e si golpean de gravidade os dereitos laborais e económicos das maiorías sociais con consecuencias tamén no comercio” pola redución do poder adquisitivo.

Nin a anterior reforma aprobada polo goberno do PSOE nin a actual axudan a reactivar o mercado laboral

É evidente que a anterior reforma laboral aprobada polo PSOE non axudou en nada a reactivar o mercado laboral, tampouco o fará a actual que é unha continuación da anterior e ambas si serviron para recortar os dereitos laborais e económicos dos asalariados. Para Estúa “é contraditorio que no Estado Español, coas taxas de desemprego mais altas da UE, se diga que o problema está nun mercado laboral ríxido, si fora así non habería mais de 5 millóns de persoas sen emprego.”

Supresión da Reforma Laboral, mellora das relacións laborais negociada cos representantes sindicais e estímulo da economía para a xeración de emprego.

A proposta que o BNG leva a pleno pasa pola supresión da reforma laboral, por acometer unha mellora das relacións laborais, en base ao consenso e negociación cos representantes sindicais, que protexa ás persoas traballadoras fronte á precariedade laboral e inclúa medidas de estímulo da economía para a xeración de emprego de xeito inmediato. Estúa ademais engadiu que no eido económico os nacionalistas defenden medidas como a creación dunha banca pública que abra a billa do crédito, unha reforma fiscal que faga pagar mais a quen mais ten, control do fraude fiscal, redución dos gastos militares ou supresión das deputacións e dos ministerios que invaden competencias do goberno galego.

Exit mobile version