Este xoves 22 de marzo, ás 19:30 h, presentamos no Cenima a exposición “Interpretacións na Mariña”, de M. Manxela, seudónimo de Marián Pérez Losada. M. Manxela é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e é profesora de artes plásticas en Palma de Mallorca. Na súa carreira artística, colaborou en proxectos multimedia con TALLERS da Quam de Barcelona e nos “XXV premis Octubre” en Valencia. Participou en exibicións na Sala Metronom de Barcelona, no Circulo de Bellas Artes de Madrid, no MACBA, Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona e no Casal Solleric de Palma. Este ano pideu o traslado ó IES Marqués de Sargadelos de S. Cibrao para completar o seu último proxecto artístico que dende fai tres anos a leva a interpretar os entornos naturais que lle son máis próximos, os ríos ourensáns, as augas e os ceos de Mallorca e, agora, os horizontes da Mariña tinguidos de rosas nos seus amenceres.
“Interpretacións na Mariña” son un conxunto de composicións, de olladas, de intres baixo a luz da Mariña Lucense. Unha pintura que emana directamente da cor do mar, dos seus reflexos e transformacións atmosféricas. A autora acompañada das súas acuarelas, instálase no medio dunha paisaxe que a seduza e realiza os seus apuntamentos, o que olla, o que sente mediante transparencias de auga e cor. As acuarelas flúen coa auga no papel rapidamente con ritmo de observacións e silencios. A súa mirada contemplativa mimetízase co entorno e fai que o observador fique absorto por uns intres converténdose en cómplice do que observa; unha “Natura” que o envolve e o transforma.
M. Manxela considera estas Interpretacións “un acto reflexivo para conectar co natural que hai dentro de min. É realmente unha viaxe polo meu interior que se reflicte no exterior. A cor, cando a percibo pode ser para min un tránsito de coñecemento. A miña catarse aliméntase da luz natural literalmente e serve como revulsivo das miñas dúbidas e os meus medos. Anúnciame esperanza e disipan unha ausencia. A paisaxe como encontro agardado”.
A exposición conta co acompañamento dos versos espontáneos de Paco Rivas, que quixo colaborar con M. Manxela transformado en verbas as intensas cores das súas obras.
A exposición permanecerá aberta ó público ata o vindeiro 14 de abril.