Nota de prensa
O PP REXEITA A PROPOSICIÓN SOCIALISTA PARA TRANSFERIR O PORTO DE SAN CIBRAO Á COMUNIDADE AUTÓNOMA
O parlamentario socialista, Ismael Rego, considera lesivo para os intereses da mariña, de Lugo e de Galicia en xeral o posicionamento “irresponsable” dos deputados do PP
A iniciativa supuña un paso previo á apertura do porto de San Cibrao ao tráfico comercial e pretendía garantir que os ingresos que se xeraran repercutiran nos portos da Mariña, e de Galicia en xeral
A posición dos deputados do PP na Comisión de Pesca demostra a vertixe que empeza a sentir Núñez Feijóo para reclamar novas competencias do Estado para Galicia
Santiago, 2 de marzo de 2012. O parlamentario socialista, Ismael Rego, ven de defender en Comisión parlamentaria unha proposición na que reclamaba negociar co Goberno de España a transferencia á Comunidade Autonóma do Porto de San Cibrao, e a creación da Autoridade Portuaria da Mariña.
Esta iniciativa foi rexeitada polo voto “irresponsable” dos deputados do Grupo Popular, tal e como definiu o socialista Rego González a posición dos representantes do PP na Comisión de Pesca, que considera “moi lesiva para a Mariña, para Lugo e para Galicia”. Engade o parlamentario socialista da Mariña que con esta actitude, “se demostra a vertixe que empeza a sentir Núñez Feijoo para reclamar novas competencias do Estado para Galicia”.
O deputado lugués argumentou a súa iniciativa explicando que o porto de interese xeral de San Cibrao está suxeito a unha concesión da que na actualidade é titular o Grupo Alcoa, S.A. e xestionado pola Autoridade portuaria chamada Ferrol – San Cibrao, pola súa singularidade ao tratarse dun porto que atende en exclusiva os tráficos cautivos do Grupo empresarial titular da concesión, motivo polo cal, non conta con medios materiais nin humanos que non sexan da propia empresa para o desenvolvemento da súa actividade de carga e descarga.
A situación, continúa Rego, “chama a atención polos nulos ou escasos precedentes que existen en España desta situación” . O deputado da Mariña de Lugo fixo fincapé nas consecuencias derivadas de que “un porto sexa xestionado dende unha provincia e autoridade portuaria distinta a da súa radicación”. A primeira, “o nulo interese da Autoridade portuaria por adoptar decisións e iniciativas para impulsar a posibilidade da súa apertura ao tráfico comercial xeral”. A segunda, “a limitación que supón para o investimento na provincia dos recursos que xera dado, ademais, o seu estado de necesidade”, engadiu. E a terceira, “a posibilidade de aglutinar nun só porto o tráfico comercial presente e potencial de futuro liberando así outros portos nos que a súa concepción foi netamente pesqueira polo que o tráfico de mercadorías nalgúns casos está creando disfuncionalidades importantes”, explicou Rego.
Non obstante, o deputado socialista, consciente da singularidade deste enclave portuario e a nova orientación de futuro. Propuxo que “habería que contar coa vontade do titular da concesión e “dende unha perspectiva que atenda e faga compatible os intereses e posibilidades da Mariña e provincia de Lugo cos xerais da Comunidade Autónoma”.
Rego insiste en que o procedemento para un aproveitamento dos recursos xerados polo porto de San Cibrao se este se abre ao tráfico xeral pasa pola “transferencia deste á Comunidade Autónoma”. Isto conduciría á xestión do mesmo polo ente Portos de Galicia e a crear, se así o considera o Goberno galego, unha autoridade portuaria para San Cibrao.
Esta nova situación garantiría, como explicou Ismael Rego, “aproveitar os recursos para habilitar máis medios para o entramado portuario do norte de Galicia, en especial os portos de Lugo, aos que as condicións do porto de San Cibrao lles restaría actividade comercial con toda probabilidade”. A condición de porto transferido á Comunidade Autónoma garante que os ingresos que xere esta nova actividade de San Cibrao se puidera empregar para compensar a estes portos que volvería a dedicarse á súa actividade pesqueira.
Rego lembrou que estas xestións por tratarse de “relacións entre administracións” se poden avanzar á marxe da empresa concesionaria con quen habería que negociar sobre o aproveitamento do porto.