Nota de prensa
O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular defenderá esta posición no debate que mañá venres día 2 de marzo terá lugar na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia
BALSEIRO PIDE Á XUNTA QUE APOIE DIANTE DOS NOVOS RESPONSABLES DO GOBERNO CENTRAL A APERTURA AO TRÁFICO COMERCIAL XERAL DO DIQUE NORTE DE MORÁS
Lembra, que, tras a chegada do PP ao Executivo galego, o ente público Portos de Galicia elaborou un informe que acredita a viabilidade técnica, económica e xurídica de acometer esta apertura.
De acadarse a apertura desta infraestutura ao tráfico comercial xeral, Balseiro entende que o Estado podería acometer á creación da Autoridade Portuaria da Mariña lucense
A Mariña lucense, 1 de marzo de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defenderá que a Xunta apoie expresamente diante dos novos responsables políticos do Goberno central o inicio das negociacións oportunas para a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Morás -a infraestrutura que Alcoa emprega como dique de abrigo na súa factoría de San Ciprián-. O deputado popular defenderá esta posición no debate que terá lugar na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia mañá venres.
Balseiro fundamenta esta petición no informe de viabilidade técnica, económica e xurídica, elaborado por Portos de Galicia e encargado tras a chegada do PP á responsabilidade do Executivo autonómico. Este foi un dos pasos máis importantes adoptados desde a Xunta de Galicia durante anos ao obxecto de convencer ás autoridades estatais -que son as que teñen as competencias neste ámbito- da idoneidade de acometer esta apertura.
O deputado popular entende que a apertura desa dársena ao tráfico comercial xeral, “sería a clave para que as autoridades estatais competentes puideran impulsar a creación da Autoridade Portuaria da Mariña lucense”. Ata o momento o porto comercial de San Ciprián que é unha concesión exclusiva da multinacional Alcoa e depende formalmente da autoridade portuaria sita en Ferrol.