Nota de prensa
OS MEXILLÓNS PROTAGONIZAN A NOVA FESTA GASTRONÓMICA QUE SE DESENVOLVERÁ EN FOZ MAÑÁ VENRES E O SÁBADO. ESTÁ ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES, INDUSTRIAIS E AUTÓNOMOS.
Foz, 15 de marzo de 2012. Mañá, 16 de marzo, comeza en Foz a festa do mexillón. Un total de 37 bares, mesóns e restaurantes ofrecerán tapas e racións deste molusco preparado ao vapor, en vinagreta, en escabeche, en empanada…
José Carlos Paleo, o presidente de ACIA Foz, indica que “o que queremos facer é animar a fin de semana previa a San Xosé e ao día do pai para que a xente disfrute tamén da primeira ruta dos viños acompañados de exquisitas tapas e racións. Convidamos a todo o mundo a achegarse a Foz os días 16 e 17 de marzo a degustar os mexillóns que atoparán nos locais participantes”.
Os que acudan a Foz poderán atopar mexillóns en: A Bodega de Mari, A Funcional, A Maseira, A Quinta, A Rambla, A Rula, A Bolera, A Ribeira, Acuario, O Chícaro, O Taco, Dallas, Happydays, May-Ros, Xoyma, Anduriña, O Rincón de Anita, Fina, Internacional, Portovello, Express, O Norte, Leytón, O Tangarte, O Tangarte Mariñeiro, Namarinos, O Náutico, O Pelolo, A Soalta, pizzería Xoiña, As Brasas, Costumes do Mar, A Sexta, Dandy, O Lar, O Mar e Portochico.
Ruta dos viños
En Foz segue tamén ata o 1 de abril a primeira Ruta dos Viños. Inicióuse o pasado 24 febreiro e durante todo este tempo os clientes dos locais participantes poderán selar as súas tarxetas nestes establecementos e entrar no sorteo de 1.200 euros en vales de compra para gastar neses locais ao longo das vindeiras semanas. Para participar no sorteo deberán ter os selos dos 35 bares, mesóns e restaurantes que se dan cita nesta I Ruta dos Viños de Foz. Hai un premio de 500 euros, un premio de 300 euros e catro de 100 euros cada un. O sorteo será o 27 de abril e poderáse seguir en directo por Radio Foz.
Esta fin de semana será posible disfrutar en Foz destes dous eventos, da festa do mexillón e da ruta dos viños. Paleo agarda que “sexan moitos os que veñan á nosa vila estes días a saborear as nosas propostas, a boa gastronomía e bós viños que atoparán en todos os locais participantes”.
Tarxeta do comercio
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz realiza durante todo o mes de marzo unha nova campaña de promoción da súa tarxeta do comercio. José Carlos Paleo sinala que “para levala adiante repartíronse 3.000 sobres con información sobre esta nova iniciativa. Aquelas persoas que realicen durante o mes de marzo a súa primeira compra coa tarxeta do comercio de Foz obterán un desconto do 5%”. Paleo anima á clientela do comercio de Foz “a facer a tarxeta e a aproveitar esta oportunidade agora que se achega, por exemplo, o día do pai”.
ACIA Foz puxo en marcha hai uns meses a tarxeta O comercio fai pobo, compra na túa vila co obxectivo de fidelizar á clientela do comercio tradicional focense.