O IES MONTE CASTELO E O CD BURELA FS REAFIRMAN O TRABALLO CONXUNTO NA POTENCIACIÓN DO DEPORTE
O IES Monte Castelo e o CD Burela FS-Pescados Rubén reafirmaron o traballo conxunto que veñen desenvolvendo dende hai unha década na potenciación da práctica deportiva, a través de renovación do seu convenio de colaboración. No selo do acordo, o centro de ensino burelao estivo representado polo vicedirector, Alfonso Iglesias, e o club laranxa polo xerente, Fernando López.
“Tanto para os alumnos coma para os profesores é un privilexio coñecer e poñer en práctica as diferentes capacidades formativas con este club, referente deportivo da bisbarra” asegurou Alfonso Iglesias. Fernando López, pola súa banda, amosou o agradecemento do CD Burela FS polo “esforzo do instituto na difusión do deporte tanto formativamente como no apoio a diversos colectivos e equipos mariñáns”.
As axudas prestadas polo club burelao ao instituto céntranse na organización de charlas educativas e conferencias relacionadas coa saúde e a práctica deportiva, así como na promoción da aprendizaxe permanente; o Burela FS tamén colabora como centro de traballo para o desenvolvemento formativo do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas. O IES Monte Castelo, por outro lado, deixa á disposición da entidade laranxa recursos humanos e materiais; ademais de participar activamente no Campus Internacional Mixto, o centro educativo tamén cede ao club todas as súas instalacións e mostra o seu apoio na elaboración de proxectos e publicacións do club.
A partir do 26 de marzo, tres estudantes do centro incorporaranse á estrutura da entidade burelista para comezar as prácticas formativas do antedito ciclo, baixo a coordinación e supervisión do director da ED EON, Alfonso Mera. Os/As alumnos/as terán a oportunidade, ao longo de tres meses, de realizar labores propios de xestión, coa organización de varios torneos de base, e participar no día a día dos adestramentos da escola nas diferentes categorías.