Nota de prensa
Cervo inicia a limpeza das praias coa retirada de madeiros e entullo
-Os traballos comezaron onte luns na praia do Torno e continuarán polos principais areais cervenses
-As tarefas rematarán nunha semana aproximadamente, de xeito que as praias estarán libres de entullo para Semana Santa
Cervo, 20 de marzo de 2012-O Concello de Cervo anuncia que o Servizo Provincial de Costas, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, comezou a limpar os principais areais do municipio. Os traballos, solicitados polos goberno local, consisten na retirada de grandes madeiros, pólas de árbores e outros elementos achegados nos últimos meses polas correntes marítimas ao litoral cervense, especialmente durante episodios de riadas sufridas en distintos puntos do Cantábrico.
As tarefas, que se iniciaron onte na praia do Torno de San Ciprián, están sendo realizadas por persoal da empresa Tragsa axudado de maquinaria. Uns traballos que se desenvolverán durante unha semana aproximadamente “garantindo así que os areais cervenses estean en boas condicións de cara a Semana Santa”, explica o alcalde, Alfonso Villares, que se achegou ata a praia do Torno para comprobar o avance destas tarefas xunto coa edil de Medio Ambiente e Turismo, Begoña Alonso.
Estes traballos correspóndense cunha primeira fase de limpeza, coa que se pretende retirar e evitar a acumulación de entullo chegado do mar. Será máis adiante, cando estea máis próxima a temporada de baño, cando o Concello se faga cargo dunha limpeza exhaustiva dirixida a preparar as praias para a súa utilización nos meses do verán.