Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo abre o prazo de inscrición para o Día do Xubilado que terá lugar o 1 de maio

Nota de prensa

O Concello de Cervo abre o prazo de inscrición para o Día do Xubilado que terá lugar o 1 de maio

-Este ano celebrarase a edición número 29 desta homenaxe aos maiores do municipio cervense

-O programa inclúe unha comida e a entrega de premios dos campionatos de Tute e Parchís que se desenvolverán nas semanas previas

-Nos vindeiros días daranse a coñecer os destinos das excursións que conforman o programa complementario deste día

Cervo, 14 de marzo de 2012-O Concello de Cervo anuncia que mañá xoves 15 de marzo ábrese o prazo de inscrición para participar nos actos do XXIX Día do Xubilado que se celebrará o próximo 1 de maio. O programa de actividades inclúe unha comida de convivencia que este ano será no restaurante Val do Naseiro, en Viveiro. Ademais, terá lugar a entrega de premios dos campionatos de Tute e Parchís que se desenvolverán nas semanas previas á festa. O prazo para anotarse nestes torneos tamén comeza mañá.

Para facilitar e garantir a participación de todas as persoas xubiladas que o desexen, a Concellería de Servizos Sociais porá en marcha un servizo especial de autobuses que percorrerán as parroquias do municipio para o seu traslado ata o restaurante. “Dende o goberno local consideramos este Día do Xubilado como un encontro oportuno e idóneo para que os pensionistas cervenses se reúnan e compartan momentos de diversión e entretemento. Un evento que ten unha compoñente social e de fomento da convivencia entre persoas de distintas xeracións” asegura a edil de Servizos Sociais, Tania González.

Xunto a estes actos principais, a Concellería programará varias excursións dirixidas a este mesmo colectivo que se desenvolverán en datas posteriores ao Día do Xubilado. Os destinos, as datas e outros detalles destas saídas anunciaranse nos vindeiros días.

Inscrición

As persoas interesadas en participar no Día do Xubilado poden inscribirse dende mañá 15 de marzo ata o 20 de abril. En canto aos campionatos de Tute e Parchís, o prazo pecharase o 29 de marzo co obxectivo de que os torneos se desenvolvan rematen antes do día do encontro. En canto aos requisitos, só poderán participar nestes actos as persoas pensionistas por xubilación, invalidez ou viuvez que estean empadroadas no concello de Cervo e que teñan autonomía persoal. Para apuntarse, deben achegarse ata a Casa do Concello de Cervo ou a Casa da Cultura de San Ciprián. A documentación necesaria para a inscrición é unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da cartilla de pensionista.

Exit mobile version