Nota de prensa
O CONCELLO CELEBRARÁ O DÍA FORESTAL MUNDIAL CUNHA PLANTACIÓN DE ÁRBORES NA ÁREA RECREATIVA DO CARGADEIRO. SERÁ MAÑÁ, 21 DE MARZO, ÁS 12 DO MEDIODÍA E OS PROTAGONISTAS SERÁN OS NENOS DO COLEXIO SAGRADO CORAZÓN.
Ribadeo, 20 de marzo de 2012. O Concello celebrará o día forestal mundial cunha plantación de árbores na área recreativa do Cargadeiro. Será mañá, 21 de marzo, ás 12 horas e os protagonistas serán os nenos do colexio Sagrado Corazón. Ademáis a Delegación de Medio Ambiente repartirá carballos híbridos e robles americanos entre as asociacións ribadenses que desexen plantalos.
O edil nacionalista Horacio Cupeiro sinalou que “desde 1971 a FAO celebra cada 21 de marzo o día forestal mundial e desde o Concello de Ribadeo tamén o facemos, ás veces na mesma xornada e outras veces días despois. Mañá iremos cos nenos do colexio Sagrado Corazón á area recreativa do Cargadeiro, onde plantaremos unha serie de árbores e lles explicaremos a importancia de velar polos bosques para asegurar a alimentación, a auga e o aire limpo”.
O concelleiro de Medio Ambiente anunciou que “tamén daremos un par de castaños híbridos resistentes á tinta a aquelas asociacións que desexen plantalos. Dispoñemos de 35 castaños híbridos e de 15 robles americanos para repartir”. Cupeiro animou aos veciños “a que planten outro tipo de árbores que non sexan exclusivamente eucaliptos para velar pola diversidade xenética e controlar as plagas. Esas plagas que vemos cada día e que senón plantamos outro tipo de árbores polo medio, mesturados, nos acaba vindo o gonipterus e acabará facendo desaparecer esa riqueza. Animar á xente a que plante outra diversidade xenética para controlar esas plagas”.