FERNANDO SUÁREZ ASEGURA QUE NO CONCELLO TODOS OS EDÍS FALAN O QUE QUEREN. E EXPLICOU QUE A SESIÓN DO VENRES REMATOU ÁS DOCE DA NOITE ATENDENDO Á LEGALIDADE E Á CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR. O REXEDOR DESTACOU O TRABALLO REALIZADO POR TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS PARA SACAR ADIANTE O PXOM. SUÁREZ BARCIA ASEGURA QUE CANDO ESE DOCUMENTO SE APROBE O ÉXITO SERÁ DE TODOS.
Ribadeo, 26 de marzo de 2012. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que o pleno do pasado venres foi moi importante para Ribadeo xa que se aprobou a segunda exposición pública do PXOM e subliñou que no Concello todos os concelleiros falan o que queren. O rexedor explicou que a sesión rematou ás doce da noite atendendo á legalidade e tamén á conciliación da vida laboral e familiar.
Suárez Barcia destacou esta mañá “a importancia de todos os asuntos que foron na orde do día, 8 puntos por parte da Alcaldía e 10 mocións presentadas por PSOE, PP e BNG. Con moita diferencia os aspectos máis cruciais tiveron que ver co urbanismo e co PXOM. O BNG, o PP e máis UPRI votaron a favor dunha segunda exposición pública dese documento e votaron a favor dos convenios urbanísticos nas rúas Pintor Fierros e e Daniel Cortezón. BNG e PP votaron a favor do convenio na avenida Rosalía de Castro, asunto no que se abstivo UPRI. O PSOE aínda que comparte algúns dos argumentos que fixemos os outros grupos decidiu absterse tamén en todos os convenios, que se incorporarán á exposición pública do PXOM”.
O alcalde de Ribadeo salientou “o traballo que levamos feito desde hai máis de catro anos todos os grupos da Corporación, no mandato anterior onde non había maioría do equipo de goberno e entre todos tentamos poñer un norte para que Ribadeo poida ter dunha vez por todas un PXOM adaptado aos tempos”. Suárez Barcia lembrou “todo ese traballo e as diferentes modificacións que tivemos que facer ao longo destes últimos tempos por aplicación do plan de ordenación do litoral e pola modificación da lei do solo de Galicia ou mesmo pola incorporación de todas as peticións que nos fixeron desde a Consellería de Cultura a través de Patrimonio. Con todo iso neste mandato aínda que o goberno municipal dispoña de maioría absoluta seguimos traballando entre todos. Isto si terá agora un impulso importante con esta segunda exposición pública e si dentro de pouco tempo o plan resulta aprobado definitivamente non vai ser un triunfo do alcalde nin do equipo de goberno será un triunfo de Ribadeo e todos os grupos que traballamos cóbado con cóbado con transparencia e dando toda a información sempre, e será unha cousa que seguramente nos trascenda, pero é algo moi importante para Ribadeo e Ribadeo deberá estar orgulloso dos grupos que estamos tirando por isto adiante”.
Fernando Suárez engadiu que “independentemente de que logo neste pleno no tema das mocións poida haber discusións ou que a sesión se alongara en demasía, que é certo. Foi un pleno excesivamente longo con catro horas de duración. En Ribadeo, a diferencia doutros concellos, todo o mundo fala o tempo que quere e o alcalde nunca lle corta a palabra a ninguén e pode haber portavoces que dean parrafadas de 15 minutos. Foi pasando o tempo e chegamos ás doce da noite e aínda quedaban pendentes os rogos e preguntas e aí por unha cuestión legal e de conciliación da vida laboral e familiar, dado que había concelleiras e concelleiros que teñen nenos e tiñan que atendelos, tiñan que estar coa súa familia e porque non me parece razoable seguir máis aló das doce da noite, decidimos suspender esa última parte, que é onde os concelleiros fan preguntas e piden cousas pequenas”. O rexedor advertiu que “han de ter nos vindeiros días cumprida resposta a todas esas cuestións, porque de todas as cousas que podemos facer mal non está na nosa ansia cortarlle a liberdade de expresión a ningún dos concelleiros da Corporación Municipal”.
Suárez Barcia insistiu en poñer como exemplo o tema do planeamento urbanístico “que ten unha base moi sólida por estar apoiado pola casi totalidade da Corporación Municipal de Ribadeo. E agora unha vez que saia publicido no DOG e no BOP abriráse un prazo de dous meses de exposición pública, onde todo o mundo que queira poderá vir consultado aquí na vella oficina de turismo. Alí, previa petición de cita no Concello para poder ser atendidos con comodidade, recibirán as explicacións que precisen por parte do arquitecto municipal e tamén dos responsables da empresa redactora que virán periódicamente a Ribadeo. Os veciños e veciñas terán dous meses para presentar alegacións, suxerencias ou aquelo que estimen conveniente. E tamén contamos que nos vindeiros días estea colgado o PXOM na páxina web do Concello, son moitos planos e moita información, estános a levar tempo subir todo iso á web, pero tentaremos telo listo canto antes”.
O alcalde ribadense dixo que “o pleno do venres foi moi importante para Ribadeo. Os asuntos importantes foron adiante. En Ribadeo todo o mundo fala, cousa que non foi así en momentos anteriores, porque eu agora son alcalde, pero tamén fun concelleiro na oposición e nin tiña ordenador, nin tiña despacho con teléfono, como agora sí teñen todos os grupos da Corporación Municipal de Ribadeo, incluidos os da oposición”.
No capítulo das mocións aprobáronse por unanimidade unha presentada polo PSOE e outra polo BNG para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro. BNG e PSOE votaron a favor de tres mocións presentadas polos nacionalistas, unha contra a privatización e suba das tarifas das escolas infantís pertencentes á Xunta, outra sobre apoio á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galicia e outra sobre dereitos das mulleres. E BNG e UPRI rexeitaron unha moción do PSOE sobre a reducción das multas de tráfico.
Multas da Policía Local
O equipo de goberno presentou un informe sobre as multas de tráfico en Ribadeo. No 2011 recaudáronse máis cartos, pero impuxéronse menos multas que no 2010. As multas descenderon nun 40%, segundo o goberno municipal, “a Policía Local só denuncia os casos graves, como aparcar en carga ou descarga, diante dun vado ou en prazas destinadas a persoas minusválidas”. No ano 2009 rexistráronse 1.828 denuncias/multas da Policía Local e recaudáronse 61.000 euros; no 2010 puxéronse 1.581 multas e recaudáronse 82.000 euros e no 2011 foron 920 as multas impostas e a recadación ascendeu a 90.900 euros. O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “o equipo de goberno non ten afán recadatorio” e que “na actualidade a eficacia na xestión de cobro é maior que en anos anteriores”. Do total das multas impostas no 2011 o 25% foron a veciños de Ribadeo, o 23% a veciños do resto da provincia e o 50% restante a veciños doutros puntos do estado. O goberno municipal considera a proposta plantexada na moción do PSOE “demagóxica e ilegal”.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou hoxe que en breve convocará aos portavoces de todas as formacións políticas con representación no Concello para falar da Casa das Algas.
Remitido