Isaac Díaz Pardo, “pai do I+D+i en Galicia”, nomeado Fillo Adoptivo de Lugo nun multitudinario acto na Deputación
– Á proposta de Gómez Besteiro, a institución concedeu ó intelectual a maior condecoración na provincia que non se outorgaba dende 1998, sendo a 1º vez que o fai este Goberno Provincial
– Familiares de Díaz Pardo, autoridades da provincia, Deputados Nacionais e Galegos, así como representantes do mundo da cultura encheron o Salón de Plenos do Pazo de San Marcos
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este martes o acto de nomeamento de Isaac Díaz Pardo como Fillo Adoptivo de Lugo, a maior condecoración da provincia, que a institución luguesa non outorgaba dende 1998, data na que recibiu este distintivo María Paz Taboada de Andrés en recoñecemento da súa “sensibilidade cultural e histórica”, logo de cederlle ó organismo provincial o Pazo de Tor para convertelo nun espazo público. Díaz Pardo é, polo tanto, o 1º Fillo Adoptivo que se nomea baixo o mandato do actual Goberno Provincial, a proposta de Gómez Besteiro, quen considera ó intelectual recentemente falecido “o verdadeiro pai do I+D+i en Galicia”.
Durante a súa intervención, o titular provincial, definindo a Díaz Pardo, salientou que “Don Isaac, que durante os seus anos de vida tentou pasar sen ser visto, foi un home dunha austeridade e unha humildade proverbiais. Home miúdo de ollos grandes para ver, ollos grandes para descubrir, ollos grandes para vivir: o todo desa arte da mirada que tantas veces o artista inmortaliza nos personaxes da súa obra de óleo e porcelana, como se fosen estes herdeiros das súas propias ventás ó mundo. El, o dende sempre, dende o principio, dende Galicia, apaixonado polo universo dantesco en todas as vertentes. Esas, onde a traizón, a inxustiza e a avaricia da man da soberbia e a envexa tentaron tantas veces destruílo. E aínda así, os ollos grandes, inmensos, xenerosos e humildes de Díaz Pardo, estiveron sempre limpos coa luz da bonhomía.
O mandatario provincial lembrou que Díaz Pardo comezou a forxarse dende neno, na súa terra natal, na rúa das Hortas, na famosa Casa da Tumbona, situada a uns metros da Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. A súa educación estivo marcada polo contacto cos máis importantes intelectuais galeguistas do momento (Otero Pedrayo, os irmáns Ramón e Antón Vilar Ponte, Castelao, Ramón Cabanillas e Vicente Risco….), que se reunían no “estudio” do seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Valiño, membro activo das Irmandades da Fala e comprometido defensor na campaña do Estatuto de Autonomía, asasinado en 1936, no transcurso da Guerra Civil española, xusto cando Díaz Pardo, con dezaseis anos, cursaba os estudos de bacharelato e proxectaba ingresar na Escola de Arquitectura. “Nembargantes, a realidade daqueles tráxicos sucesos levárono, nun primeiro momento, a ter que se esconder para salvar a súa vida e, posteriormente, a traballar como rotulista nunha empresa coruñesa de pintura industrial. El sempre recordaba a súa condición de supervivente e, non hai moito na Comisión da Memoria Histórica, lembraba como o coche de línea que o levaba á Coruña paraba cada pouco porque había tirados e atravesados mortos na estrada. Afirmaba daquela con voz rotunda e triste: “non os deixaban nas cunetas, poñíanos á luz para meter máis medo á xente”, destacou.
“Creador da memoria histórica contemporánea”
Ó respecto da súa “dilatada actividade”, Besteiro remarcou que “tiña un intensísimo soño de amor pola arte, por Galicia, uns ollos espertísimos, un corazón de paixóns e unhas mans xeniais e habilísimas para levar o espírito bahaus á súa terra, á arte e á tecnoloxía, á creación e á razón renacentista de toda a galeguidade. Esa esencia do home universal á conxunción romántica de todas as artes que tan ben, e de xeito modélico, soubo conformar e consolidar en todas e cada unha das factorías de cultura que en sucesivos tempos foi poñendo en marcha. Neste senso, reiterou que “o seu legado será para sempre e para todos nós, a colleita exemplar e perdurable dunha semente ben posta por esas mans xenerosas e inmensas de quen foi, na miña opinión, o verdadeiro pai do I +D+i galego”. Por todo elo, rematou, felicitando a súa dona Mimina Arias -que por razóns de saúde non puido asistir- e ós seus fillos Camilo e Xosé, “pola honra de poder contar en Galicia cun intelectual da súa talla –autor dun maxisterio vital eterno–, un excepcional emprendedor e o gran creador da memoria histórica contemporánea”.
Entrega de atributos
Gómez Besteiro entregou José Díaz Arias, fillo de Díaz Pardo, a Insignia de Ouro e o Diploma da Provincia, atributos que acreditan a distinción de Fillo Adoptivo de Lugo. Para poder outorgar este honra, a Xunta de Goberno acordaba o 20 de xaneiro iniciar o expediente administrativo que, posteriormente, foi aprobado por unanimidade no Pleno dese mesmo mes aínda só era preciso o apoio de dous terzos da Corporación. O equipo de Goberno Provincial quixo concederlle este distintivo en recoñecemento do seu compromiso coa difusión da cultura galega e o seu extraordinario legado artístico que, de xeito tan especial, repercutiu na provincia luguesa. É e que, o tamén pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario galego, desempeñou un inxente traballo de dinamización socioeconómica en Lugo como refundador e impulsor do Complexo Industrial da Cerámica de Sargadelos, en Cervo, converténdoa nun referente tanto a nivel cultural como social. Ademais, tamén foi membro do primeiro Consello Provincial de Cultura que, a mediados da década dos oitenta, se constituíu na Deputación co obxectivo de promocionar e impulsar as iniciativas culturais dos artistas lucenses.
Autoridades
O Salón de Plenos do Pazo de San Marcos quedou pequeno para acoller ás ducias de persoas que participaron no acto. Estiveron presentes catro familiares de Díaz Pardo; todos os membros do equipo de Goberno Provincial, así como 11 Deputados do PP; o Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o Vicerreitor do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o Vicario Xeral do Bispado de Lugo, Luciano Armas; o Comisario da Policía Nacional de Lugo, Manuel Teijeiro; o Deputado Nacional do PSOE José Blanco; os Deputados Autonómicos do PSdeG Concepción Burgo, Ismael Rego, Sonia Verdes, Miguel Ángel Fernández López e Dolores Rodríguez Amoroso; o Senador socialista Ricardo Varela Sánchez; outros membros do grupo socialista como Margarita Pérez Herraiz e Luís Ángel Lago Lage; representantes do mundo da cultura como Darío Xohan Cabana, Paco Martín, Marica Campo, Pablo Núñez e Xavier Rodríguez Barrio; o Cronista Oficial da Provincia de Lugo, Juan Soto Gutiérrez; o Director da Galería Sargadelos, Jesús Pérez Regueiro; o Presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Núñez Torrón; o Presidente da Asociación Provincial de Hostelería de Lugo, José Francisco Real Catro; o anterior Presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro; a Presidenta da Asociación de Mulleres Autónomas de Lugo, Nora Real; o Director Territorial da zona Lugo e Asturias de Novagalicia Banco, Walter Álvarez Álvarez; a Presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, Beatriz Varela Regueira; a Presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Marina Cillero Rodríguez; a Presidenta ASPNAIS de Lugo, Concepción Teijeiro; e o anterior Secretario da Deputación e Medalla de Ouro de Lugo, Faustino Martínez Fernández.