Site icon Crónica3.com A Mariña

Ignorancia temeraria

Ignorancia temeraria

Que un cargo político do Goberno provincial faga un intento desesperado por defender que, segundo a Deputación, é preferible tirar o peixe ao lixo, ou devolvelo morto ao mar, antes que aproveitalo -cando está en perfectas condicións- para a súa distribución nos comedores sociais e cociñas económicas da nosa provincia, parece un reto moi complicado, propio da cegueira ideolóxica de quen é incapaz de criticar os erros nos que incorre o seu propio partido. Pero que ademais o faga unha persoa que tivo responsabilidades como Delegado territorial da Consellería de Pesca durante o bipartito, Jose Ramón Val, e empregue argumentos falsos ou que amosan un total descoñecemento do proceso de distribución do peixe e marisco requisado e dos descartes é moito máis grave.

Ben é certo que o actual deputado provincial non foi quen defendeu este asunto no último pleno da Deputación, nin este nin ningún outro relacionado coa pesca. Moi probablemente porque é consciente de que se emprega argumentos tan absurdos como este, e impropios de alguén que tivo a súa responsabilidade, acabarían por sacarlle as cores.

De ter aproveitado o seu contacto coas xentes do mar sabería, por exemplo, que o peixe e marisco incautado en casos de furtivismo tan só é distribuído polos concellos do litoral mentres que, boa parte do comisado nos restaurantes do interior da provincia se destrúe, ante a imposibilidade de trazar a súa procedencia, (poden ser alimentos contaminados, non aptos para o consumo). Sabería que o 90% do peixe e marisco que forma parte dos descartes, non o é por problemas de talla ou veda, senón porque o barco en cuestión xa superou o seu límite de capturas desa especie e ten que devolvelo ao mar, cando podería ser aproveitado. Sabería, finalmente, que a propia Unión Europea busca alternativas aos descartes e que unha destas pode ser empregar este peixe por institucións benéficas que era o que, precisamente nós estábamos a pedir que se estudara. Parece mentira que alguén que xestionou os intereses das xentes do mar descoñeza que este é un dos principais postulados obxecto de debate ante a inminente reforma da Política Pesqueira Común.

Non hai escusa que valga. A Deputación non quere axudar porque non ten vontade. Porque nunca podería sumarse a algo positivo mentres proveña do PP. Cando ademais non é tan difícil cambiar os luxosos coches oficiais dos membros do Goberno provincial, como fixo a Xunta, por furgonetas ou outro tipo de transportes isotermos capaces de sumarse e colaborar na distribución destes alimentos.

Desde o PP seguimos defendendo que toda a axuda é poucas para ás entidades benéficas que se están encargado de proporcionar algo tan sinxelo como un prato de comida para quen nin iso ten. E que unha fórmula moi positiva para logralo é aproveitar un peixe en boas condicións que, noutras circunstancias se tira ao lixo e que ademais non supón custe algún, salvo o derivado do transporte do produto que asumirían as propias administracións. Que a Deputación non queira sumarse nesta axuda só amosa a súa falta de sensibilidade e pouca humanidade. Que ademais pretenda negarse en base a argumentos absolutamente falsos demostra que os que hoxe gobernan en Lugo actúan con ignorancia temeraria.

Elena Candia López

Voceira do PP na Deputación de Lugo

Exit mobile version