Site icon Crónica3.com A Mariña

En defensa dun novo sistema de reparto de cotas pesqueiras

En defensa dun novo sistema de reparto de cotas pesqueiras

A Unión Europea -as institucións comunitarias e os estados membros- atópanse en pleno debate sobre a reforma da Política Pesqueira Común (PPC) ao obxecto de actualizala e mellorar todos os seus aspectos. A reforma só pode ter por finalidade contribuír á consolidación da pesca e do marisqueo, como sectores produtivos básicos -esencias para comunidades como Galicia- e supón unha oportunidade de volver a situar á Europa na vangarda do necesario proceso de cambio da normativa marítima internacional.

Cando se expuxo a idoneidade dunha modificación das actuais medidas comunitarias do sector pesqueiro, no denominado como Libre Verde, falábase da necesidade dun cambio radical da actual normativa comunitaria. Con todo, a proposta de reforma do actual regulamento, defendida hoxe desde a Comisión Europea, non parece avanzar de xeito suficiente neste obxectivo e queda moi lonxe de contemplar todos e cada un dos aspectos propostos desde Galicia.

Unha das modificacións máis urxentes é a de reformular o actual sistema de xestión dos caladoiros comunitarios, baseado na fixación de cotas de pesca mediante a aplicación do que se coñece como principio de estabilidade relativa. Este mecanismo supón que, un vez establecidos os totais admisibles máximos de capturas (TAC) por especie e zona, a asignación das posibilidades de pesca definitivas aos diferentes países da Unión realízase de forma automática, sen máis discusión política ou técnica e en virtude dunhas porcentaxes fixas.

Ao longo dos últimos anos os Estados membros e as flotas variaron e modificáronse, pero as cotas permaneceron constantes causando un manifesto desaxuste entre capacidade da flota e as posibilidades de pesca. Sen dúbida, a aplicación do mecanismo de estabilidade relativa converteuse en causa de ineficiencia económica, deu lugar a cotas sempre insuficientes -con independencia do estado dos caladoiros-, ao cese anticipado da actividade das flotas, e ao paro forzoso de mariñeiros e armadores.

Por iso, e co fin de poder adaptarse á realidade pesqueira que temos na actualidade, o Partido Popular defende o abandono da estabilidade relativa e a introdución na normativa comunitaria doutras fórmulas como poden ser os dereitos transferibles de pesca a nivel comunitario, que evitarían a deslocalización que sufriu a flota no pasado e facilitarían o intercambio de cotas entre países, así como tamén un sistema de repartición das posibilidades de pesca máis eficiente baseado no esforzo pesqueiro.

A reforma da Política Pesqueira Común afronta a recta decisiva. Desde o Partido Popular queremos sumarnos dun xeito construtivo ao debate aberto. No noso horizonte as palabras adiantadas pola propia Conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, nas que expresaba que o Goberno galego irá ata as últimas consecuencias para defender o que estamos seguro que é de xustiza e de dereito para a nosa flota.

Jose Manuel Balseiro Orol

Voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular

Exit mobile version