OBRADOIROS DE RISA E DE XESTIÓN DO ESTRÉS ADEMÁIS DE VARIAS CHARLAS CONFORMAN A PROGRAMACIÓN DOS VI FOROS PERMANENTES PARA A MULLER QUE ORGANIZA O CONCELLO DE RIBADEO E QUE ARRINCAN MAÑÁ EN REMOURELLE.
Ribadeo, 26 de marzo de 2012. Mañá comezan os VI Foros permanentes para a muller que organizan o CIM e a Concellaría de Muller e que nesta edición contan coa colaboración de voluntari@s da asociación A Mariña-Cogami e de persoal do centro de saúde de Ribadeo.
Desde o CIM explican que “co emerxer da primavera veñen tamén as apatías, cansancios e fatigas propios desta estación. Máis nós queremos afrontalo traballando a nosa saúde, o noso benestar. A saúde das mulleres é máis fráxil pola presión á que estamos sometidas debido á dobre carga de traballo: o doméstico e dos coidados e o traballo remunerado. Ante iso, é importante coñecer o noso corpo e a traballar as nosas emocións”.
Os VI Foros permanentes para a muller pretenden “ser un encontro de información e de debate daqueles temas que nos afectan maioritariamente ás mulleres”. Nesta edición haberá obradoiros, cursos e charlas.
Os denominados Obradoiros da risa inícianse mañá, 27 de marzo, de 15:30 a 17:30 horas na Escola de Remourelle e serán impartidos por Lucía Sánchez Canoura, técnica de mocidade e axente de igualdade. Estes obradoiros seguirán o 12 de abril en Vilaosende, o 17 de abril nas Anzas e o 18 de abril en Piñeiro.
O obradoiro Aprendendo a traballar o benestar terá unha duración de catro sesións de hora e media cada unha. Nel traballaranse temáticas coma a relaxación, o benestar, a autoestima e a memoria. Será impartido pola psicóloga Juana Blanco e terá lugar os días 10, 17 e 24 de abril e o 8 de maio de 16 a 17:30 horas na escola de Cedofeita e está dirixido ás mulleres das parroquias de Cedofeita, Arante e Cubelas. Este obradoiro impartiráse tamén na escola de Cinxe os días 2, 9, 16 e 23 de maio en horario de 20 a 21:30 horas para as mulleres das parroquias de A Devesa, Rinlo, Vilaframil e Cinxe.
O VI Foros permanentes para a muller tamén inclúen in Obradoiro de xestión do estrés, onde se traballarán as emocións, a relaxación e indicadores de alerta. Será impartido pola psicóloga Juana Blanco e desenvolveráse os días 16, 23 e 30 de abril e o 7 de maio en horario de 19 a 20:30 horas na aula-fogar da Casa do Mar.
A prevención de lesións medulares abordaráse na charla que impartirán Angel Plácido López Fernández e Emma Caamaño García da Asociación A Mariña-Cogami o 18 de abril ás 20 horas no salón de actos da Casa do Mar en Ribadeo e os 25 de abril ás 19 horas na escola de Vilaframil. A incontinencia urinaria centrará as charlas que impartirá Inma Valledor Puente, enfermeira no centro de saúde de Ribadeo nas parroquias de Remourelle e Couxela.
REMITIDO