Nota de prensa
A XUNTA DE GALICIA INVESTIU MÁIS DE 200.000 EUROS NA REMODELACIÓN E MELLORA DE DOTACIÓNS RURAIS NO MUNICIPIO DE VIVEIRO
A delegada territorial, Raquel Arias, indicou que estas obras promoven “a mellora da calidade dos servizos e na seguridade dos veciños e usuarios da zona”
Lugo, 14 de marzo de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, leva investidos “arredor de 205.000 euros na mellora de dotacións rurais no concello de Viveiro” dende o ano 2009 a través de distintos plans.
A representante do Executivo galego na provincia fixo estas valoracións logo de informar que nas últimas semanas veñen de ser recepcionadas as tarefas de acondicionamento e mellora que se acometeron en cinco viais interiores que comunican núcleos vivarienses. En concreto, as actuacións leváronse a cabo nos camiños que unen os seguintes núcleos: Allares-Nogarido, Valdemirós-Aurá, Pedrouzos-Tronos e os accesos a Tarabelos e á zona da Seara. As obras realizadas abrangueron arredor de 3,6 quilómetros de viais, nos que se acometeron, segundo os casos, formigonados, tarefas de bacheo e limpeza de cunetas.
A consellería acomete obras de mellora deste tipo “co obxectivo de dinamizar as áreas rurais e desenvolver todo o seu potencial, para incrementar así a calidade de vida da poboación”, segundo indicou Arias. O obxectivo destas actuacións céntranse en proporcionar aos veciños do rural servizos básicos, como o abastecemento de auga, saneamento, mellora de camiños agrícolas e pistas rurais, alumeado ou mellora dos regadíos.
No caso deste municipio mariñán, ademais das obras referidas, o departamento autonómico investiu tamén noutras actuacións que melloraron as dotacións existentes no entorno rural. Así, na parroquia de San Pedro de Viveiro completouse a instalación da rede de saneamento e dun pozo de bombeo para dar servizo aos veciños desta zona, unha obra, que, na súa primeira fase, supuxo un investimento de 106.136,97 euros.
Así mesmo, dentro das actuacións realizadas en Viveiro inclúense tamén as obras de rexeneración e mellora que se levaron a cabo nas Pallaregas, As Nogueiras, Magazos e Randamil. En total, nestas actuacións investíronse preto de 60.000 euros.
A delegada territorial subliñou que a Xunta, a pesar da actual situación de contracción económica, “está a incidir neste tipo de actuacións que serven para reequilibrar as dotacións e servizos entre os distintos territorios e que, en definitiva, repercuten nunha discriminación positiva para a Galicia interior”.