Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación prestou asistencia xurídica en preitos a 9 concellos da Mariña o pasado ano

Nota de prensa

A Deputación prestou o pasado ano asistencia xurídica en preitos a 32 Concellos da provincia, 9 deles da Mariña

– A metade dos municipios pertencentes á comarca mariñana requiriron ademais ó organismo provincial asesoramento xurídico de diversa índole no 2011

– Valiño mantivo hoxe en Burela a segunda sesión da roda de xornadas informativas cos Alcaldes e empregados municipais da provincia para expoñerlles as novas liñas de asistencia que pon en marcha a Deputación. A terceira e última reunión será mañá en Lugo

A Deputación de Lugo prestou durante o ano 2011 asistencia xurídica en preitos a 32 Concellos da provincia, dos cales 9 son da comarca mariñana, aforrándolles custes ás arcas municipais, segundo deu a coñecer o Deputado de Cooperación, Juan José Díaz Valiño, con motivo da xornada informativa que mantivo este xoves no Salón de Plenos de Burela con Alcaldes e empregados municipais da Costa para expoñerlles as liñas de asistencia ás entidades locais que o organismo provincial pon en marcha esta mesma semana. Trátase de dous novos servizos que potenciarán o traballo en rede cos municipios, ademais de repercutir “nun importante aforro de custes para as arcas locais, nunha maior axilidade administrativa e nunha racionalización dos seus recursos”, recalcou Valiño. Por un lado, ábrese unha liña de asistencia en materia económico-financeira, a través da que a Deputación elaborará diagnósticos da situación económica das facendas locais, plans de saneamento, estudos de custes de servizos públicos ou ordenanzas, entre outros procedementos, e por outro lado, actívase un portal de servizos xurídicos on line, grazas ó que os Concellos terán acceso dende a páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.org) a un gran fondo de documentación para a súa consulta.

O encontro celebrado hoxe en Burela é o segundo da roda de reunións que mantén Díaz Valiño con representantes municipais da provincia para explicarlles estas novas prestacións. A primeira xornada tivo lugar onte en Monforte –dirixida ós Concellos da Ribeira Sacra- e a última terá lugar mañá, ás 10:00 horas, no Salón de Actos da Deputación (para as comarcas de Lugo, A Montaña, Terra Chá, A Ulloa e Sarria).

Os procesos xudiciais nos que prestou asistencia en 2011 a Deputación foron 121 no conxunto da provincia. Deles, 42 son de 9 entidades locais mariñanas, en concreto de Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove. Ademais da representación en preitos, relacionados tanto co ámbito Contencioso Administrativo, como co Civil e o Penal, os Concellos da Costa lucense demandaron ó longo do 2011 asesoramento e apoio xurídico doutra índole. Deste xeito, a metade dos municipios da comarca requiriron, por exemplo, a elaboración de 16 informes e ditames. A metade deles foron para o Concello de Ribadeo e estaban relacionados con cuestións como unha reclamación de responsabilidade patrimonial por accidente de tráfico, a procedencia dun levantamento de embargos ou multas coercitivas por proxectos urbanísticos. No caso doutras localidades, elaboráronse informes sobre a posibilidade de conceder unha licenza de obra nun parque industrial; a viabilidade de instalar unha cafetería nun polígono e a revogación dunha licenza de apertura dunha discoteca, entre outros. Así mesmo, 11 municipios da Costa realizaron 45 consultas telefónicas ao servizo provincial de Cooperación, encabezando a lista Trabada, con 12, e Ourol, con 9.

Os Concellos mariñanos foron tamén moi activos en canto á cooperación en materia de Recursos Humanos, tanto no número de consultas –realizaron por teléfono preto de 200 nos dous últimos anos, destacando as 49 de Viveiro, as 30 de Cervo e as 26 de Barreiros-, como en asistencia técnica. En canto a isto último, a Deputación elaborou nos últimos 3 anos plans de ordenación de Recursos Humanos para Viveiro, Barreiros e Alfoz; e informes para Cervo, Trabada, O Valadouro e Xove; ademais de prestar asistencia para a confección de RPTs ó Valadouro, Lourenzá, Cervo e Burela e para tribunais de selección de persoal a Viveiro, a Pontenova e Riotorto.

Así mesmo, hai 13 localidades da Mariña (Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada e Xove) que están adheridas ó Sistema de Recadación Provincial, posto en marcha no 2008 e a través do que as entidades locais, que delegan na Deputación a recadación de impostos municipais, reciben un adianto deses tributos mes a mes, o que lles garante ingresos e liquidez, ademais de ver rebaixado do 6 ó 3% a porcentaxe que deben aboar en período voluntario.

Os novos servizos

Díaz Valiño subliñou que estes datos poñen de manifesto o “dinamismo dos Concellos mariñanos”, pero tamén a necesidade de potenciar as liñas de Cooperación, como se fará coa posta en marcha da asistencia económico-financeira e o portal web de servizos xurídicos. Entre as vantaxes dos servizo en materia económica, Díaz Valiño destacou que, “ademais de axudarlles a cumprir co principio de legalidade, facilitaremos que os Concellos aforren custes, evitándolles que teñan que contratar empresas externas; gañen axilidade, ó liberar deste tipo de labores ós seus empregados municipais; e optimicen recursos, pois farémoslles estudos de custes para determinar como resulta máis viable ou como poden aforrar nun determinado servizo público, tales como os de recollida de lixo, subministro de auga, alumeado, axuda a domicilio…” Engadiu así mesmo que os Concellos garantirán achegas autonómicas e estatais, pois “axudarémoslles a que teñan as contas ó día, e que estean correctas, de xeito que se axustarán ós prazos de fiscalización que deben cumprir para poder recibir axudas da Administración galega e central”.

Polo que respecta ó portal web de servizos xurídicos, Díaz Valiño explicou que cada un dos municipios ten un usuario e unha contrasinal para que os empregados públicos habilitados accedan dende a páxina http://cooperacionconcellos.deputacionlugo.org, pinchando no apartado Servizos en Liña para os Concellos, a un “gran fondo de documentación on line dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano, no que, cun só click, poderán consultar ditames, novidades lexislativas, sentenzas, ordenanzas e regulamentos, bases de datos xurídicas, dúbidas sobre a linguaxe xurídica galega, etc., o que redundará nunha maior axilidade e eficacia da administración e da súa relación cos cidadáns”, afirmou o Deputado. Ademais de toda esta información, os Concellos contan neste portal web coa posibilidade de facer consultas particulares. Este sistema garante celeridade na formulación e na contestación das consultas, pois os Concellos poden formular as dúbidas que se lles presenten e recibir unha resposta individualizada sen as formalidades que se esixen para os ditames ou informes.

Exit mobile version