Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación di que é a administración de todo o estado que máis aumenta a cuantía para axuda no fogar

Nota de prensa

A DEPUTACIÓN É A ADMINISTRACIÓN DE TODO O ESTADO QUE MÁIS AUMENTA A CUANTÍA PARA AXUDA NO FOGAR

Antonio Veiga anunciou que a Área de Benestar Social da Deputación aumenta un 20%, de 500.000 euros a 600.000 euros as subvencións para Axuda no Fogar aos concellos, o que supón un incremento relativo moi alto en conta a baixada orzamentaria

Veiga destacou que “este incremento do gasto social reflicte a coherencia coa nosa política de goberno que xa expuxemos e estamos a levar a cabo en materia de benestar social”

O responsábel da Área de Benestar Social afirmou que “estas axudas son o garante da subsistencia dos servizos de atención social dos concellos, xa que sen elas a maioría tería que deixar de prestalos”

LUGO, 1 de marzo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, mailo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, compareceron esta mañá para presentar as axudas en concorrencia competitiva da Área de Benestar Social, que se aprobarán mañá en Xunta de Goberno, destinadas a colaborar cos concellos nos gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar, que faciliten a conciliación familiar e laboral, así como a asistencia aos maiores. Antonio Veiga afirmou que “somos a administración de todo o Estado español que máis aumenta porcentualmente o investimento destinado á prestación dos servizos de axuda no fogar, superando o 20% do investimento con respecto ao ano pasado, ao pasar de 500.000 euros en 2011 a 600.000 euros este ano (unha cifra, 600.000 euros, que hai que valorar especialmente tendo en conta os recortes orzamentarios). Este incremento do gasto social reflicte a coherencia coa nosa política de goberno que xa expuxemos e estamos a levar a cabo en materia de benestar social”.

Antonio Veiga destacou que “nós camiñamos cara políticas sociais que garantan a igualdade entre as persoas, poñemos as cifras enriba da mesa e sacamos adiante proxectos, como este, de vital importancia para a subsistencia dos servizos sociais nos concellos lucenses, logo da situación límite que todos sabemos que están a sufrir tralos recortes por parte da Xunta de Galiza das contías destinadas a esta finalidade, que se situaron na última convocatoria nunha media do 70%”.

Ademais, “desde a Área de Benestar Social da Deputación de Lugo –continuou Veiga-, apostamos polas nosas persoas maiores e defendemos o seu benestar tamén como unha parte da defensa ao modelo territorial no que acreditamos, que permita que as persoas poidan ser atendidas alí onde viven, nos seus pobos, sen forzar un despoboamento do rural por motivos de déficit de atención social”.

Como mostra da convocatoria pública que é, lembrou Veiga, “ábrese en réxime de concorrencia competitiva en igualdade para todos os concellos lucenses menores de 20.000 habitantes (todos agás Lugo) cunha novidade este ano, que é que se vai ter en conta como un factor positivo á hora de valorar a contía da axuda a cada concello, e é a mostra do compromiso en materia social do propio concello, co que tamén se estará incentivando desta maneira que os concellos lucenses prioricen o seu gasto social”. Con esta medida, segundo sinalou Veiga, tamén ser procura que “o compromiso en materia social da Deputación de Lugo se vexa referendada polos concellos lucenses”.

Por último, Veiga sinalou que “estamos diante dunha convocatoria de axudas destinadas á mellora do Benestar Social, pero que tamén veñen ligadas a unha economía do emprego, na medida en que a posta en marcha da prestación destes servizos de axuda a domicilio e atención aos maiores por parte dos concellos tamén implica que se van a xerar empregos na nosa provincia”.

Pola súa banda, Mario Outeiro afondou nas características formais das bases que rexerán o proceso de convocatoria, que serán aprobadas mañá e que, segundo anunciou, “sairán publicadas no BOP na vindeira semana, o mércores ou xoves, polo que a partir deste momento os concellos lucenses terán 20 días naturais para facer a súa solicitude”.

Segundo apuntou Mario Outeiro, “nos criterios de valoración téñense en conta criterios xeográficos, priorizando aqueles concellos con poboación máis dispersa, así como aqueles cunha peor taxa de poboación activa e valorando especialmente os concellos con bo réxime fiscal. Hai que sinalar, como xa apuntou con anterioridade o vicepresidente, que introducimos un novo criterio de valoración positiva para os concellos, no que fai referencia a que os concellos manteñan outros investimentos en programas de carácter social, facendo aos concellos tamén corresponsábeis do esforzo en materia social que fai a Deputación de Lugo. O importe de axuda que se lle conceda a cada concello non poderá en ningún caso superar o 70% do custe global do programa executado”.

Por último, Mario Outeiro indicou que “estas axudas da Área de Benestar Social da Deputación de Lugo saen publicadas en marzo, co que os concellos lucenses poden facer unha planificación do gasto anual, ao contrario que acontece coas subvencións da Xunta de Galiza, que se resolven a finais do exercicio. Ademais, os concellos poderán xustificar estas axudas até o 30 de abril de 2013, co que todo son facilidades para o funcionamento dos servizos sociais dos concellos”.

Exit mobile version