Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta participou na xornada sobre emprendemento desenvolvida en Foz

RAQUEL ARIAS ANIMA AOS EMPRENDEDORES A APROVEITAR AS SINERXIAS E OS APOIOS DO IMPULSA LUGO PARA FOMENTAR A CREACIÓN DE EMPREGO

 A delegada territorial da Xunta foi a encargada de abrir a xornada sobre emprendemento desenvolvida hoxe en Foz, na que participaron arredor de 100 xoves empresarios e profesionais vencellados ao ámbito empresarial
 A representante do Executivo galego significou que “seguindo o Impulsa Lugo e aproveitando os sectores estratéxicos que recolle, é posible desenvolver todas as potencialidades da comarca da Mariña”
 Os responsables dos programas de emprendedores do Igape achegaron as medidas existentes para este sector, mentres que Nilo Abad, propietario de ‘Mamut Technology’, explicou a súa experiencia como promotor dunha iniciativa empresarial que exporta parte da súa produción ao estranxeiro

Foz, 26 de marzo de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que o plan Impulsa Lugo habilita “un marco de apoio excepcional” para facilitar os investimentos nesta provincia, “dado que un dos seus principais obxectivos é promover o desenvolvomento socioeconómico da provincia para converxer coa Galicia Atlántica”. “É un marco que os emprendedores vencellados a esta provincia ou quenes sepan apostar polas posibilidades que ofrece este territorio deben aproveitar”, engadiu.

Arias pronunciou estas verbas na súa intervención de apertura da xornada de emprendemento desenvolvida na tarde de hoxe no Cenima de Foz, en cuxa organización colaboraron a Xunta de Galicia, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo) e mailo Concello de Foz.

Como arranque para esta actividade, na que participaron arredor dun cento de persoas, entre xoves empresarios e profesionais vencellados ao ámbito empresarial, a representante do Executivo galego expuxo que “nun momento como o actual, hai que por en valor o afán emprendedor e prestixiar a figura de quen arrisca e triunfa, xerando emprego, ao igual que sucede nos países máis desenvolvidos”.

No tocante ao Impulsa Lugo, Arias incidiu en que hai que aproveitar as sinerxias que provoca este plan de discriminación económica positiva para esta provincia. De feito, no propio plan de competitividade do Impulsa Lugo -abundou Arias- recóllense varios sectores e mercados cun alto potencial de desenvolvemento polas especiais características deste territorio: a hortofloricultura, a acuicultura, a industria de alimentación funcional e nutracéutica, o sector vitivinícola, as enerxías renovables, a biotecnoloxía, ou o turismo e a eco-innovación, entre outros. “Aproveitando os sectores estratéxicos que xa temos e impulsando outros punteiros que tamén se recollen no Impulsa Lugo, e posible desenvolver as potencialidades desta comarca da Mariña”, indicou.

Raquel Arias foi a encargada de realizar a apertura desta iniciativa, na que tamén estiveron presentes, entre outros representantes institucionais, o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeiras; o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfonso Fuente; e a secretaria xeral de AJE Lugo, Carmen López.

Ao longo da xornada os responsables dos programas de emprendedores de que dispón a Consellería de Economía e Industria a través do Igape protagonizaron unha das ponencias. Entre outros temas, os devanditos responsables expuxeron os servizos de motivación do espírito emprendedor, de formación e asesoramento dispoñibles, así como as medidas de apoio e actuacións postas en marcha desde a Xunta para fomentar a creación e a consolidación de empresas en Galicia.

Así mesmo, nesta actividade interviu tamén como relator Nilo Abad, copropietario da empresa Mamut Tecnology, que compartiu as experiencias acumuladas co seu proxecto empresarial. Dende esta entidade, creada no ano 2010, Abad desenvolve produtos innovadores que cobren necesidades do mercado da maquinaria agrícola e forestal. Pese aos apenas dous anos de existencia, Mamut Tecnology, que pon a disposición dos seus clientes o seu departamento de enxeñaría e I+D+I para desenvolver produtos que non existen no mercado, leva xa as súas ventas a Italia.

Como remate da xornada, que forma parte do programa de actividades que está a desenvolver o Executivo autonómico para acercar o Impulsa Lugo aos distintos sectores sociais e económicos, os asistentes intercambiaron impresións cos poñentes a través dunha mesa redonda, na que participaron tamén responsables do Instituto Galego de Promoción Económica.

Remitido

Exit mobile version