Site icon Crónica3.com A Mariña

Utopías carnavaleiras

UTOPÍAS CARNAVALEIRAS
O antroido na rúa, tivo sempre como compoñente característico as coplas e propostas, en verso ou prosa, que os grupos levaban no repertorio, en cuxas letras, no contexto festivo no que se desenvolvían, con mais ou menos arte, humor ou enxeño, poñían en solfa sucedidos da vida comunitaria, o que permitía ó pobo deixarse oír baixo un discurso e nun ton que serviron para transmitir a súa mensaxe, ideada para expresar un punto de vista ou opinión ante calquera feito cotián ou puntual, que reflectía as inquedanzas, o sentido do humor e o sarcasmo das xentes, referidas a feitos esporádicos ou situacións que se viñan producindo ó longo do tempo…A estas pertence aquel comunicado que hai trece anos – 1999 – espallou entre a concurrencia un grupo participante no desfile daquel ano. Decía así: “¡¡Focense, vota!! ¡Hai que reconverter a flota!.. “Nunha audaz operación a Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación acordou adoptar as seguintes medidas para reconverter o sector pesqueiro de Foz”:
1º.- Cunha reducción do 3000% sobor da inversión prevista para o Porto da Verde, vai facerse un “dique” dende o Prado de Ramos ata a Punta do Castro en Barreiros, acadando así o secado definitivo da ría de Foz.
2º.- Nesta, que pasará a denominarse “Pastos da Verde”, implantarase a cría e engorde de gado vacún selecto. A dársena será adecuada como “Zona de estabulación libre”.
3º.- Mediante un sistema hidráulico de “flejes” (aínda en estudo) as lanchas serán dotadas de rodas quedando adaptadas para traballos agrícolas.
4º.- O portiño de Tupide quedará como “zona de investigación”, servindo os pantaláns como observatorios do “Patio de Monta”.
5º.-Recuperaranse as instalacións portuarias para o sector turístico, creando “un gran complexo de Disco-Restaurante- Sala de Festas- Putiferio – Bar” que amais dos turistas “poderán visitar os nosos políticos, ben sabida a súa afición ás larpeiradas”, dí o comunicado… Tras trece anos destas proclamas segue a espera; é sabido que nesta paraxe é inviable a navegación o que, sen o porto exterior que os políticos negaron sempre, obriga a esquecer a actividade náutica. O pobo, no intento de salvar a derradeira esperanza coa reconversión, instálase na utopía, aínda que só sexa polo carnaval.
Suso Fernández

Exit mobile version